Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
APOIO. Negocios de 46 concellos recibiron o segundo espaldarazo económico da Deputación // Un 85 % das tres mil solicitudes rexistradas xa están pagadas // Donde máis establecementos se beneficiaron foi en Carballo, con sesenta TEXTO S. S.

Hostaleiros e axentes de viaxe de Área reactívanse con 667 axudas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, deron a coñecer os resultados do segundo plan Reactiva de dita institución provincial, deseñado especificamente para apoiar e impulsar a reactivación de negocios de hostalería e axencias de viaxes, que están entre os máis afectados pola pandemia da COVID.

Das 3.000 solicitudes rexistradas, un 85 % (2.530) xa están pagadas. “Todas as axudas, incluídas as das empresas das grandes cidades, foron tramitadas directamente pola Deputación cun tempo medio de pago de 8,2 días. Un auténtico récord para calquera administración que se debe ao gran traballo do departamento de Promoción Económica e Emprego”, afirmou Valentín González, quen detallou que a vindeira semana estarán pagadas o 100 %.

O presidente subliñou que os plans Reactiva suman no último ano 25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e que supoñen “unha aposta importante pola reactivación económica da provincia”. No caso das axudas á hostalería, alcanzarán os 4,5 millóns.

Pola súa banda, José Ramón Rioboo destacou tamén o investimento histórico que está a facer a Deputación na área de Emprego durante o último ano. “A pandemia fixo que nos reiventáramos para destinar preto de 25 millóns de euros á reactivación da provincia”, sinalou.

Asimesmo, explicou que as axudas son de 1.500 euros por negocio e que o 86 % dos beneficiarios son bares e restaurantes, seguidos das empresas de hospedaxe (10 %) e axencias de viaxes (3,6 %).

Por último, soamente 11 salas de festas e discotecas presentaron solicitudes ás axudas do Pel-Reactiva II, o que supón o 0,4 % do total.

No referente á distribución por concellos, a meirande parte dos solicitantes teñen o seu domicilio fiscal en A Coruña (825), Santiago (487), Ferrol (231), Narón (88), Carballo (65), Fisterra (57) e Arteixo (56).

En canto á distribución de solicitudes por comarcas, a da Coruña é a que máis solicitudes presentou, cun total de 1.169, por importe de 1.753.500 euros, seguida das de Santiago, con 808 solicitudes por importe de 1.212.000 euros, e Ferrol, con 526, por importe de 789.000 euros.

En resumo, as 3.010 solicitudes recibidas por parte de hostaleiros e axencias de viaxes da provincia supoñen un importe solicitado de axudas de máis de 4,5 millóns de euros.

No ámbito de Área de Compostela foron 667 as axudas que chegaron a negocios de 46 concellos. En Ames concedéronse 41, en Arzúa 24, na Baña 5, en Boiro 15, en Boqueixón 6, en Brión 9, en Cabana de Bergantiños 3, en Camariñas 8, en Carballo 60, en Carnota 14, en Cee 15, en Corcubión 10, en Coristanco 7, en Dodro 7, en Dumbría 10, en Fisterra 52, na Laracha 13, en Laxe 12, en Lousame 6, en Malpica de Bergantiños 11, en Mazaricos 10, en Melide 23, en Muros 28, en Muxía 9, en Negreira 12, en Noia 21, en Ordes 21, en Oroso 6, en Outes 15, en Padrón 12, no Pino 14, na Pobra do Caramiñal 8, en Ponteceso 6, en Porto do Son 9, en Rianxo 6, en Ribeira 29, en Rois 4, en Santa Comba 20, en Teo 36, en Tordoia 3, en Touro 7, en Trazo 4, en Val do Dubra 7, en Vedra 11, en Vimianzo 9 e en Zas 9.

a protagonista
“Pedimos un rescate real para todas as empresas”
Paula Chouza Parada
Presidenta da Asociación de Hostalería de Ribeira

A presidenta da Asociación de Hostalería de Ribeira, Paula Chouza Parada, considera que “4,5 millóns é un importe considerable, pero en todo caso insuficiente; 1.500 euros por intervir os nosos negocios, tanto en horarios como en aforo durante quince meses, sae a un importe de cen euros ó mes. É, cando menos, ridículo”.

Na súa opinión, “a maiores, estas axudas non chegaron a todos os negocios; o reparto foi desigual e discriminatorio, deixando fóra a moita xente, o que as fai cando menos inxustas”, engade a representante do citado colectivo sectorial.

No tocante ós prazos, “para estas axudas Pel-Reactiva saíron as bases en novembro, e entregáronse en maio. Respecto ás da segunda convocatoria, viñeron complementar esas primeiras, pero creo que quince meses despois do inicio da pandemia chegan tarde para moitos e, dende logo, non foron rápidas”, indicou Chouza Parada.

Finalmente, a presidenta da citada asociación ribeirense sinala que “temos claro que todos os negocios do sector da hostalería sufrimos as consecuencias derivadas desta pandemia; o que pedimos é un plan de rescate real para todas as nosas empresas, que se corresponda coas perdas económicas ocasionadas, e que non deixe fóra a ninguén dos que sufrimos as restricións impostas”.

{ a letra pequena }
Maquinaria recargada
Suso Souto

CONVÉN SER XUSTOS no exercicio da crítica. Certo que boa parte do peso das restricións sanitarias establecidas pola pandemia recaeu no sector da hostalería; certo que foi dos máis prexudicados polos peches; e certo tamén que as axudas que está recibindo o sector podían ser de máis contía e chegar máis rápido. Pero é preciso lembrar que nin as arcas públicas de concellos e deputacións estaban preparadas para afrontar tal emerxencia, nin as súas maquinarias administrativas tiñan a capacidade de atendela en semellante volume e acurtando prazos legais, atendendo ós trámites que leva aparellada calquera convocatoria pública. Con todo, convén tamén tomar nota e ir pensando en mellorar, coordinar e axilizar o sistema.

28 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.