Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
investigación patrimonial. O colectivo compostelano A Rula atopou diversas figuras nun santuario rupestre con dedicatoria á divinidade romana Diana // O complexo atópase nun outeiro sobre o río Ulla, en San Xurxo de Vea TEXTO Sol Elvira

Identifican novos petróglifos na Quenlla dos Carballos na Estrada

No traballo de revisión que están a facer nos últimos meses dos xacementos rupestres da contorna da comarca de Santiago, o colectivo A Rula, dedicado á investigación e divulgación da arte rupestre, vén de descubrir novos petróglifos en A Quenlla dos Carballos, na parroquia de San Xurxo de Vea, no municipio pontevedrés da Estrada.

Segundo explica no seu traballo o colectivo, os petróglifos atópanse preto do río Ulla e son dúas estacións que contan con media ducia de paneis que constitúen un santuario rupestre cunha dedicatoria á deusa romana Diana. “A Quenlla revelouse como un xacemento de altísimo interese para a investigación da nosa arte rupestre prehistórica... e ata o de agora era considerado erroneamente como de época histórica”, explican desde o colectivo.

Así, para A Rula trátase dun xacemento excepcional que combina motivos da arte atlántica galega nun lugar de culto precristián posteriormente cristianizado xunto ao Ulla. Trátase, din, “dun espazo sacro cun uso moi prolongado ao longo do tempo, comezando no Calcolítico ou Bronce Inicial”. O conxunto inclúe combinacións de círculos concéntricos, deses primeiros tempos, e grabados que chegan ao século. Ademais están as cruces, “dunha presumible cristianización”, ou simplemente para sinalizar territorios, explican os investigadores.

Na actualidade, está catalogado no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia e no inventario patrimonial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Estrada (páxina 65) do ano 2013 co código GA36017212 e a denominación de Quenlla dos Castiñeiros.

Tras a análise da toponimia catastral e a recollida en antigos planos da zona os investigadores optaron por denominar ó conxunto como A Quenlla dos Carballos ou O Viveiro, microtopónimos máis próximos que o escollido inicialmente polo catalogador para denominalo. “Nas visitas ó xacemento localizamos varias superficies non incluídas nas descricións anteriores. En total contabilizamos seis superficies con gravados prehistóricos característicos da arte atlántica e do nomeado Grupo Galaico da Arte Rupestre. Trátase de motivos de temática xeométrica cun amplo repertorio integrado por coviñas, combinacións circulares e sucos lineais”, explican.

PANEIS. O primeiro panel é unha laxe de forma alongada e superficie horizontal lixeiramente inclinada. Está orientada ó nordés, cara o Pico Sacro, co que ten unha visualización directa. Consérvanse nela ata seis combinacións circulares de diferentes tamaños, unha delas de noventa e oito centímetros de diámetro, das máis grandes de Galicia.

O segundo panel conserva tres cazoletas e no terceiro, unha parede vertical de cinco metros, apréciase un barco, con súa proa e a súa popa, unha especie de precedente prehistórico da Traslatio. No resto de paneis hai cavidades e oquedades antropoides, anelos combinados e cazoletas. Para a asociación A Rula, a complexidade de imaxes representadas neste espazo dá conta da existencia dun “santuario rupestre” que ademais pode ter relación co emblemático Pico Sacro.

Cómpre indicar que o especialista Juan Manuel Abascal Palazón, quen contou coa colaboración doutros investigadores, interpreta a inscrición atopada sobre Diana como “Titus Aulius Arcisus realizou libremente a dedicación para Diana como consecuencia dunha visión, (un soño, algo revelado)”.

nun entorno natural co bosque autóctono

O conxunto da Quenlla dos Carballos emprázase nun entorno natural co bosque autóctono atlántico, pero con certos matices de clima mediterráneo, no que destacan os numerosos exemplares de sobreiras, típicas da bacía do Ulla, mesturadas con carballos. Este outeiro é un miradoiro natural sobre o río Ulla, a 450 metros de distancia, nunha zona de canón con pendentes superiores ó 30 %. Neste treito do río aínda poden verse antigas pesqueiras, como a de Bumio (Barcala), na Estrada, ou a de Bustelo na ribeira teense, entre os coutos de Couso e Sinde antes da zona chamada do Pozo Negro. Asemade, dada a súa privilexiada situación no bordo da Depresión Meridiana, podemos albiscar as principais elevacións que conforman a paisaxe da bacía do Ulla: ó norte o Alto da Cruz de Cabanelas, o Monte da Cruz do Xastre, a aldea de Coira, na parroquia de Reis, e Rial do Mato, na de Rarís, todos en Teo. Tamén podemos divisar a estivada do desaparecido mosteiro de San Bieito en Padrón.

07 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.