Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulsan en Carballo unha rede municipal de parques integradores

Comezaron as obras de reforma integral dos ubicados no Chorís e na Praza do Hospital

Carballo. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, visitou as obras de reforma integral que o Concello está levando a cabo nos parques do Chorís e da Praza do Hospital. Son as dúas primeiras actuacións dunha futura rede municipal de parques integradores, na que só para este ano hai consignado un investimento próximo ao millón de euros.

Nos parques do Chorís e da Praza do Hospital ampliáronse as áreas de xogo para poder colocar máis elementos. A actuación afecta aos xogos infantís, varios deles inclusivos, pero tamén ao resto do recinto. As obras, que supoñen un investimento de 106.003,78 euros procedentes dos recursos municipais, son executadas pola empresa Vázquez y Reino.

A altísima intensidade de uso que teñen os parques infantís da zona urbana de Carballo non só obrigan a realizar un mantemento constante, senón tamén á súa actualización periódica. Coa finalidade de renovalos, pero tamén de facelos accesibles para todos os nenos e nenas, así coma de crear espazos de convivencia entre a rapazada e as persoas adultas, fomentando deste xeito o vínculo emocional, “dende o Concello de Carballo impulsamos esta rede de parques integradores”, afirma o rexedora.

Dentro dela tamén se inclúen os 551.568,40 euros do proxecto Carballo para a infancia, que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña do 80% do orzamento, coa que reformarán os parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, nos que, como no caso anterior, actuarase nos recintos e nas zonas axardinadas e realizarase unha renovación completa dos xogos infantís.

As actuacións transformadoras chegarán tamén nos vindeiros meses a varias parroquias, xa que con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado será posible acometer, tal como aprobou o pleno no pasado mes de xuño, a reforma integral de toda a área de ocio da Ponte de Bértoa, incluído o parque infantil, as pistas polideportivas e un novo parque de calistenia; a reforma integral do parque infantil de Razo e a creación dunha nova zona de xogos en Artes. En total investiranse 309.023,62 euros.

De cara ao vindeiro ano é intención do goberno municipal seguir ampliando a rede de parques integradores, actuando tanto nos restantes da zona urbana que o precisen coma na rural. Mentres tanto, e dado o elevado nivel de uso que teñen as áreas de xogo, dende o Concello de Carballo agradecen ás familias usuarias “que nos fagan chegar calquera posible anomalía que poidan detectar para poder poñerlle solución o antes posible".

09 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.