Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 25 septiembre 2021
02:00
h
Vinte e seis concellos do ámbito de Área repártense 1,2 millóns de euros para facilitar experiencia ás persoas en situación vulnerable e promover a súa inserción // Traballarán durante nove meses para as administracións locais TEXTO Suso Souto

Impulso á contratación de 98 perceptores das axudas Risga

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa de contratación de persoas perceptoras de Risga para apoiar aos concellos galegos. No tocante ó ámbito territorial de Área de Santiago son 26 os concellos beneficiados, que se repartirán 1.279.491 euros para a contratación de 98 persoas.

Na provincia da Coruña, en global, apoiarase a contratación de 191 persoas perceptoras de Risga en 37 concellos a través dun investimento de 2,3 millóns de euros.

Na comarca de Santiago beneficiaranse 6 municipios que coas axudas da Xunta por valor de 406.000 euros e poderán contratar a 30 persoas. Trátase de Arzúa (27.731 €), Brión (22.983 €), Dodro (23.310 €), Teo (32.074 €) e Vedra (25.082 €), que poderán contratar a dúas persoas en cada caso, e Santiago (275.419 €), que disporá de 20.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte serán tamén 6 os concellos, que recibirán un total de 274.000 € para dar traballo a 22 persoas. Son os de Carballo (140.103 €), para dez traballadores; Vimianzo (55.112 €), para cinco; Camariñas (28.339 €), Fisterra (20.618 €) e Laxe (20.154 €), para dous en cada caso; e Ponteceso (10.309 €), para un.

No Barbanza beneficiaranse sete localidades cun total de 224.000 euros para xerar 19 postos de traballo: Ribeira (56.383 €) e Noia (62.628 €), para 5 empregados; Lousame (20.618 €), Outes (24.373 €), A Pobra (22.156 €) e Rianxo (23.429 €), para dous; e O Son (15.341 €), para un.

No tocante á provincia de Pontevedra, as axudas ascenden a 3,6 millóns de euros para 298 contratacións en 51 municipios, e no eido de Área de Santiago son sete os concellos beneficiados. No Deza, Lalín, con 127.362 € para contratar a dez traballadores, e Silleda (22.577 € para 2). E en Tabeirós e Umia, Valga (19.060 € para 1); Pontecesures (72.808 € para 5); Caldas (29.242 € para 2); Cuntis (29.242 € para 2); e A Estrada (73.030 euros para cinco).

O obxectivo da iniciativa é proporcionar experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato de nove meses de duración. A actuación busca impulsar o emprego local e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado labora galego. Estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinados aos concellos para impulsar a contratación cos programas xa resoltos de Socorristas e de Aprol rural.

Con esta nova resolución e grazas a estes tres programas de emprego os concellos da área de Santiago recibirán máis dun millón euros para contratación de 85 desempregados; os de Bergantiños e Costa da Morte, 603.000 € para a contratación de 68 desocupados; e os do Barbanza, 622.000 euros para a contratación de 90 parados.

Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2 millóns de euros para permitir a formación e o acceso ao traballo de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8 millóns de euros para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4 millóns de euros para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

o protagonista
“Destínanse ás brigadas de obras”
Image
Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde de Rianxo

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinala que as axudas “normalmente van dirixidas a apoiar a brigada de Obras e Parques e Xardíns. Sempre son benvidas para colaborar e dar tamén unha oportunidade para a inserción laboral. Hai outras persoas que se incorporan a través de programas como o Aprol rural da Xunta. Tamén hai un impulso nos programas da Deputación que benefician sobre todo a determinados perfís sociais: mulleres, maiores de 50 anos”. “Tamén temos programas como o dos obradoiros de emprego ou programas de Garantía Xuvenil. Hai un en desenvolvemento para a mocidade que forma a 16 persoas menores de 30 anos”, engade.

Corenta accións formativas a prol da inclusión laboral

··· Por outra banda, o ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de recoller este mércores unha orde pola cal se destinan máis de 10 millóns de euros a unha nova edición dos Programas Integrados de Emprego (PIE) que acompañarán neste ano a case 4.000 persoas desempregadas na procura de emprego e na adquisición dunha mellor formación. Esta liña, dotada con 10.080.000 euros a cargo dos fondos finalistas do Estado, activa un total de 40 programas de formación dirixidos cada un a 100 persoas desempregadas coa meta de potenciar a súa inclusión laboral. A convocatoria está orientada a entidades locais, soas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica sen ánimo de lucro. Serán elas as que planifiquen os seus PIE, que deben garantir, como mínimo, a inserción laboral do 35 % das persoas participantes nas formacións.

26 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.