Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O orzamento da institución medra un 9,4 % // O Plan Único arrinca con 47 millóns e pode chegar ós 100 // O programa de emprego xa permitiu contratar a 5.376 persoas e apoiar a 2.062 empresas // Noia xa ten partida para a nova base do GES TEXTO S. Souto

Impulso da Deputación á mellora da rede de estradas con 19,4 millóns

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres o orzamento de 2023, que ascende a 207.198.000 €, un 9,4 % máis que o do presente exercicio, mantendo a situación de débeda cero dos últimos oito anos.

O deputado de Facenda, Antonio Leira, incidiu no investimento en emprego. “Hoxe, tras un investimento de 106 milllóns de euros, temos un Plan de Emprego que permitiu a contratación de 5.376 persoas, apoia a 2.062 empresas e concedeu 4.472 axudas, por 20 millóns de euros, a pequenas empresas dos sectores máis afectados pola pandemia e a guerra de Ucraína”.

No mesmo pleno, a Deputación aprobou as bases e a primeira achega do Plan Único (POS+2023), cun orzamento inicial de 47 millóns de euros. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente ao longo do ano para chegar a entre 90 e 100 millóns de euros de investimento en obras e servizos nos concellos coruñeses.

O POS+2023 contará de novo cun Fondo Social de 7 millóns de euros que os concellos deberán investir exclusivamente en fins sociais como o financiamento dos servizos de atención a maiores e dependentes, axudas de emerxencia social, apoio a colectivos vulnerables, axudas para escolarización, etc.

En 2023, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa de novo o seu orzamento inicial un 4 %, ata os 12.900.000 €, reforzando programas como o PEL-Autónomos e o PEL-Pemes, que contarán con 5,5 millóns de euros destinados a apoiar as contratacións no sector privado e a subvencionar a cuota de autónomos á Seguridade Social. O programa de apoio ao emprendemento (PEL-Emprende) contará cun orzamento de 2.760.000 €, e o de contratacións nos concellos (PEL-Concellos) contará con 3.295.000 euros.

O orzamento da área de Vías e Obras increméntase un 2,87 % ata os 19.415.267 €, cos que se financiarán obras nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. O Plan de Conservación (14,2 millóns), os Plans de Sendas e Travesías (2.260.000 €), o de mantemento de desbroce (3,7 millóns) e o Plan VIP de investimentos (1,7 millóns) son os principais programas consignados.

Increméntase tamén o investimento nas áreas de Cultura (10.281.800 €) e Deportes (5.541.550 €), cunha partida dun millón de euros para financiar a contratación de técnicos deportivos, 3.375.000 euros para subvencións a clubs e entidades sen ánimo de lucro para promoción e fomento do deporte (624 entidades reciben este ano o apoio da Deputación) e 600.000 para actividades propias, que inclúen os campamentos deportivos (1.340 participantes), campaña de esquí para 600 escolares, bandeira de traíñas, carreiras populares en 30 concellos...

A Deputación consigna 5.815.080 € (+14 %) para Turismo, na que se inclúen 1,3 millóns para axudas a asociacións na mellora da calidade e competitividade turística e 1,4 millóns para apoio aos concellos en materia de promoción turística.

A achega para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) será o vindeiro ano de 1.292.000 € (+28 %), que inclúe a nova base de Noia, mentres que as axudas a Protección Civil soben un 8% ata os 190.000 €. Soben tamén as achegas para confrarías a 511.000 € (+5,7 %).

o protagonista
“Os concellos reciben entre catro e cinco veces máis”
Antonio Leira
Deputado provincial de Economía e Facenda

Antonio Leira destacou que os orzamentos “priorizan o eido social, o emprego e o apoio aos concellos” e resaltou os 74 millóns consignados para distintos plans, entre os que destaca o Plan Único (47 millóns de orzamento inicial) que alcanzou un “récord de investimento que permitiu financiar máis obras e mellores servizos”. “Supuxo multiplicar por catro o investimento da Deputación nos concellos, que hoxe reciben entre catro e cinco veces máis”, dixo.

{ a letra pequena }
En todas
as frontes
Suso Souto

o importante apoio económico da Deputación Provincial da Coruña ós concellos para que poidan ofrecer, manter e/ou ampliar importantes servizos cobrará o vindeiro ano unha especial relevancia ó verse redimensionado polo incremento de varias partidas orzamentarias que lle abren o camiño ás administracións locais en diversas frontes. En case todas. Dende a limpeza de praias (900.000 €) ata os programas de protección do medio ambiente de concellos e entidades (1,2 millóns), pasando polo impulso á mobilidade ciclista (500.000 €), o fomento do sector agrícola e gandeiro (613.000 €) ou á contratación de socorristas (306.000 €). Planificación con estratexia en base ás potencialidades e ás necesidades. Esa é a receita.

25 nov 2022 / 18:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.