Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A chegada de embarcacións aos portos para coñecer Galicia medrou un 40 % na última década // Está asociado a un visitante que aporta calidade e sustentabilidade // A Xunta aposta pola promoción internacional como destino costeiro TEXTO M. Boo

Impulso ó litoral e os Camiños do mar desde o turismo náutico

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este luns co presidente da Asociación de Náuticos de Galicia, Javier Ruíz de Cortázar, un convenio de colaboración para a promoción e comercialización do turismo náutico en Galicia, modelo polo que aposta o Goberno galego para a promoción da Galicia litoral e dos Camiños do Mar.

Alfonso Rueda destacou que se o turismo náutico xa era unha potencia antes da pandemia, cun incremento dun 40% no número de embarcacións nos últimos dez anos, agora o será aínda con máis pulo porque demostrou que se axusta ao modelo de turismo de calidade, seguro e sustentable que buscan os turistas do século XXI e que tan bos resultados está a dar na comunidade. “A Galicia agárdanlle grandes proezas no turismo náutico”, dixo o vicepresidente primeiro.

A Xunta leva feito nos últimos anos unha forte inversión na promoción do turismo náutico, sobre todo coa chegada do Xacobeo, e o seguirá facendo nos vindeiros da man dos fondos europeos e dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, nos que a náutica ten un papel destacado.

Nese obxectivo encadra o convenio asinado con Asnauga, entidade que traballa no impulso do turismo náutico e na promoción das peregrinacións marítimas. A raíz do acordo, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, aporta un total de 80.000 euros para a valorización do patrimonio cultural e náutico, tanto material como inmaterial, o desenvolvemento do turismo costeiro e a promoción internacional de Galicia como destino náutico e natural de costa.

O acordo permitirá consolidar a implantación de certificados de calidade, dixitalizar e aplicar novas tecnoloxías coa finalidade de mellorar a captación de novos turistas en Europa con destino a Galicia a través do turismo náutico, así como dispoñer de ferramentas dixitais que permitan unha mellor xestión dos seus recursos e das súas instalacións.

Asnauga, ademais, comprométese a promocionar a rede de instalacións náutico deportivas dos Camiños do Mar e a formar ao persoal dos clubs náuticos en novas tecnoloxías e en xestión turística.

Alfonso Rueda puxo en valor o traballo feito por Asnauga na promoción das peregrinacións marítimas e destacou o impacto que para o turismo galego ten a Travesía Náutica Xacobea, unha iniciativa que este ano fará da ruta por mar unha singradura internacional que partirá do porto andaluz de Barbate para chegar a Galicia logo de atravesar Portugal e que está promovida por dita asociación en colaboración coa Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, e coa Junta de Andalucía.

ALTERNATIVAS. Respecto desta peregrinación por mar, que se vai realizar entre o 28 de maio e o 13 de xuño, quenes non poidan facer unha viaxe tan longa, ou non dispoñan de tantos días seguidos para navegar, a Travesía Náutica Xacobea tamén presenta unha alternativa máis breve e igual de espectacular polos lugares que atravesa.

Trátase dunha ruta desde Ribadeo, seguindo as costas lucense e coruñesa, con punto de atraque na ría de Muros e Noia, desde onde se poderá proseguir a peregrinación a pé ata Santiago.

O protagonista
“o primeiro peregrino chegou por mar”
Alfonso Rueda
Vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegouse ás instalacións do Real Club Náutico de Portosín para firmar este importante acordo que axude a impulsar o turismo náutico como modelo de promoción da Galicia litoral e dos Camiños do mar. Rueda subliñou na súa intervención que, se ben habitualmente se asocia ao peregrino co camiñante, “o primeiro peregrino, o que lle dá sentido ao Xacobeo, segundo as lendas, chegou a Galicia por mar: foi o Apóstolo Santiago, e as rutas marítimas son as que mellor rememoran ese itinerario histórico”. O vicepresidente primeiro da Xunta non deixou pasar a oportunidade de animar a todos os amantes da navegación a “aproveitar os ventos favorables” e a descubrir o mellor de Galicia a través do mar “seguindo o ronsel do Apóstolo”.

{ contra vento e marea }
Turismo veraniego
Manuel Boo

fai ben a xunta en impulsar todas as modalidades de turismo, e máis cando os navegantes son respectuosos co medioambiente e se asocian a un visitante de calidade. E tamén fai ben a Xunta en tratar de promocionar todos os Camiños que levan a Compostela, veñan de donde veñan. Está claro que hoxe en día o turismo é unha das bases económicas deste noso país e faise aínda máis visible cando beneficia a lugares necesitados de calqueira tipo de sinerxia económica. Pero tampouco nos podemos enganar. A chegada de barcos en plan turisteo ós portos galegos prodúcese fundamentalmente nos meses de verán, cando as localidades costeiras xa están a tope. Aínda así benvidos sexan. Agardámolos cos brazos abertos.

26 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.