Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CABANA. Porán en marcha Diversiplás, un proxecto que facilitará o acceso laboral a persoas con diversidade // Colaboran administracións locais e varios colectivos do sector pesqueiro // Contan cunha axuda da Consellería do Mar TEXTO M. Lavandeira

Inclusión social e reconversión de residuos mariños en Íntegro

A asociación Íntegro vén de recibir unha subvención procedente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, a través do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), para a posta en marcha dun ambicioso proxecto denominado Diversiplás, + Diverso - Plástico.

Trátase dunha iniciativa dirixida a promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.

O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades (2021-2022), contempla diversas liñas de actuación entre as que destaca a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar así como o desenvolvemento dun programa de divulgación, sensibilización e concienciación orientado á erradicación e valorización dos residuos, tanto mariños como costeiros, que contará coa colaboración e implicación de diferentes entidades, administracións locais e outros colectivos da Costa da Morte (confrarías, redeiras, sector pesqueiro, comunidade escolar, colectivos de inclusión social), procurando así a implicación de toda a sociedade para contribuír a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental do noso litoral.

Deste xeito, “ademais de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, potenciaremos a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito social e laboral”, sinalan os responsables da asociación Íntegro.

TALLERES. Pola súa banda, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural) puxo en marcha un taller de manexo de teléfono intelixente dirixido a mulleres do rural, que se está a impartir nas instalacións da asociación Íntegro en Nantón (Cabana de Bergantiños). As sesións, de dúas horas de duración, xirarán arredor do uso e manexo responsable dos dispositivos móbiles (whatsapp, correo electrónico, redes sociais, APP´s, ...).

Esta actividade está incluída no plan formativo de Íntegro dentro do PIMD Rural, un programa co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Nos últimos meses, tras retomar a actividade presencial, promoveron tamén diversos talleres formativos sobre habilidades sociais e pre-laborais, resolución de conflitos, busca activa de emprego, etc. Así mesmo, desde o pasado mes de outubro, o Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional de Integro prestou atención a máis de 30 mulleres da contorna, e cada día segue a traballar sen descanso para ofrecer asistencia e dar cobertura ás demandas de mulleres dos concellos limítrofes.

COMPROMISO SOCIAL. A Asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro, que foi fundada no ano 1992 para promover a integración de persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Compromiso social, igualdade, defensa dos dereitos, participación social, transparencia e mellora continua son os valores que marcan o seu plan estratéxico, que ten como obxectivo principal acadar a inclusión das persoas ás que brinda formación, asesoramento, atención psicolóxica e outros servizos dende a súa constitución.

19 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.