Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Incrementan a 41 as prazas públicas nos centros que Adisbismur ten en Outes

A Xunta destina a esta entidade 440.000 euros ao ano para a posta en marcha das mesmas // Ofrece unha atención diúrna

A Xunta incrementou as prazas públicas nos centros de día e no centro ocupacional de Adisbismur, en Outes, ata un total de 41. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este venres as instalacións da entidade onde puxo en valor o seu traballo a favor das persoas con discapacidade na bisbarra de Muros.

A conselleira destacou que o compromiso da Xunta de Galicia é seguir fomentando a creación de prazas públicas de atención por toda a Comunidade e achegar atención cada día a máis xente. Nestes centros de Adisbismur, o Goberno galego financia cinco prazas máis que o ano pasado, chegando a un total de 41 (18 no centro de día e 23 no centro ocupacional). Para o seu funcionamento destínanse 440.000 euros ao ano.

A Xunta incrementou desde o ano 2009 nun 30 % o número de prazas públicas de atención á discapacidade ata chegar ás 5.600. Tan só neste ano 2022, o Executivo autonómico porá en marcha 280 novas prazas públicas.

Fabiola García apuntou que a atención á discapacidade “é unha tarefa que se debe asumir de forma conxunta como sociedade”. Lembrou que coa colaboración de entidades como Adisbismur, “Galicia é cada día máis inclusiva, solidaria e xusta”.

Adisbismur é unha entidade sen ánimo de lucro, creada co fin de traballar pola integración social, formativa e laboral das persoas con discapacidade da comarca de Muros-Noia. Neste centro ocupacional que teñen en Outes imparten diferentes actividades formativas e obradoiros.

“Agora temos tres talleres: de cestería, cerámica e viveirismo. Tamén temos unha aula de alfabetización, outra de informática e facemos actividades da vida diaria: posta de comedor, lavado, planchado, compras e manexo de euro. Ademais, temos un taller de teatro, musicoterapia e servizos especializados todo o día de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional e educación social”, explicou a directora do centro, Fina Lestón.

Recentemente estrearon o seu quinto invernadoiro, mediante o cal buscan ofrecer aos usuarios formación en materia de agricultura sostible e unha alternativa laboral.

“O ano pasado fixemos un curso en formación en agricultura ecolóxica no que participaron 15 persoas con discapacidade”, indicou Lestón, quen apuntou que dúas lograron un emprego. Destaca que ese é o seu principal cometido, facilitar a integración laboral dos usuarios favorecendo a súa inserción laboral a través da formación.

20 may 2022 / 19:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.