Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 30 junio 2022
13:28
h
CAMPAÑA. O proxecto naceu no 2019 cun vídeo no que participaron veciños das dezaoito parroquias // Este ano implicarán as asociacións que traballan no eido social // A nova imaxe difundirase a través da hostalaría e o comercio TEXTO J. Ramos

Iniciativas con corazón para que aflore o orgullo de ser carballés

Un vídeo no que participaron veciñas e veciños das 18 parroquias marcou, o 14 de febreiro de 2019, o nacemento de eu quero Carballo, unha iniciativa transversal que implica a todas as áreas do goberno municipal no obxectivo de trasladar unha imaxe do concello en positivo, promovendo prácticas cidadás cotiás que contribúen a mellorar o territorio e fomentando o orgullo de ser carballés e de vivir neste concello.

Por cuarto ano consecutivo, e aproveitando o Día do Amor, o Concello lanza novas iniciativas ligadas a esa idea, “que tan ben acollida foi (e segue sendo) entre a poboación”, afirman. Pero, nesta ocasión, o corazón vermello situado entre as palabras eu e Carballo, creando unha imaxe que emulaba ao famoso lema dos anos 70 “I love NY”, intégrase no propio nome do concello, “simbolizando ese latido tan característico co que nos emocionou Alfonso Mariño no pregón do San Xoán de 2014, e que recuperamos neste 2022 como tamén queremos recuperar as nosas festas despois de dous anos de pandemia”, engaden.

O Carballo cun corazón vermello no lugar da letra “o” acompaña tamén un skyline conformado por unha selección dos edificios máis emblemáticos debuxados polo funcionario municipal Xaime Díaz, autor tamén do calendario do 2022 e dunha próxima guía de arquitectura que chegará acompañada dunha exposición.

O acto de presentación da nova imaxe de Carballo estivo presidido polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; o propio Xaime Díaz, e a directora do Centro de Recursos de Íntegro, Noelia Barreira, “porque outro dos piares da campaña deste ano vai ser a participación das asociacións que traballan no eido social”.

A nova imaxe chega acompañada doutras accións e elementos, que farán chegar á cidadanía, como adhesivos estáticos para comercio, hostalaría e actividades económicas en xeral, e outros para vehículos, que poden recollerse, de balde, na Biblioteca Rego da Balsa. Asemade crearon marcapáxinas coas tres versións do skyline, os cales repartiranse nos centros educativos nos vindeiros días.

E despois de repartir máis de 250 carballos, fillos do carballo de Vilar de Francos, entre as familias que acudiron a empadroar aos seus fillos e fillas no concello nos anos 2020 e 2021, outros 139 serán plantados nun acto comunitario o vindeiro 19 de marzo, nas vésperas do Día da Árbore. É unha das numerosas accións vinculadas ao medio ambiente que tamén van ligadas ao amor por Carballo.

Este ano o Concello optou tamén por outro tipo de agasallo con corazón: xabóns naturais de glicerina elaborados polos usuarios e usuarias da Asociación Íntegro para os bebés carballeses. Haberá novos proxectos que irán desenvolvendo nos vindeiros meses con outros colectivos do eido social.

SOCIEDADE ABERTA. “Hoxe –dixo o alcalde- estamos aquí representantes do Concello de Carballo e da sociedade, da sociedade organizada, como é o caso de Íntegro, e da sociedade que participa a título individual, como é o caso de Xaime Díaz, e que simbolizan esa sociedade aberta, na que ten cabida toda a xente que queira participar. Agardamos que a xente se identifique con esta campaña e que teña tan boa acollida coma as anteriores”, concluíu Evencio Ferrero.

16 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.