Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Chegou a Melide o bus que axuda ás empresas na busca de solucións tecnolóxicas e novidosas que fortalezan o sistema produtivo // A intención é a de crear novos empregos sempre desde o respecto á natureza e o medio ambiente TEXTO Manuel Boo

Innovación e sostenibilidade: a suma ideal para ser competitivo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou na tarde deste xoves ás empresas galegas a apostar pola innovación e a sostibilidade como unha combinación clave para ser máis competitivas e xerar novos empregos desde o respecto á natureza e o medio ambiente.

Durante un encontro con dúas emprendedoras da contorna de Melide, que no marco da iniciativa da Xunta Camiño da Innovación compartiron cunha ducia de empresarios da zona os proxectos innovadores que están a desenvolver nos seus negocios, Ángeles Vázquez lembrou o esforzo realizado na Comunidade durante a última década para avanzar na busca de solucións tecnolóxicas e novidosas que fortalezan o sistema produtivo, apostando pola colaboración entre entidades do eido público e privado.

Con este mesmo obxectivo de establecer sinerxías, avanzou que en 2022 empezará a funcionar a Alianza galega polo clima, unha iniciativa impulsada pola Consellería para facilitar a unión entre tecido empresarial, asociacións profesionais e administracións fronte ao cambio climático. “Falar dunha Galicia innovadora é falar dunha Galicia verde”, insistiu a conselleira, que engadiu o gran potencial que ofrece a chamada economía verde para as empresas galegas, sobre todo en sectores como a construción, as renovables ou os procesos relacionados co tratamento de residuos e a economía circular.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, animou ás pemes da área de Melide a aproveitar as vantaxes de innovar para ser máis competitivas e medrar, ao tempo que apuntou que “a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”.

Argerey sinalou que esta é unha prioridade para a Xunta de Galicia, xa que as pequenas e medianas empresas constitúen o motor da economía galega. Así, co obxectivo de acompañalas no proceso da innovación, púxose en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca a iniciativa Camiño da Innovación. Tras 18 paradas por toda Galicia, esta oficina itinerante finalizará a súa xira o vindeiro 9 de decembro no municipio lucense de Meira.

Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (por 12 millóns) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Axencia Galega de Innovación. Deste xeito, axúdanlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica, e poden comprobar a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquer sector e empresa.

No interior do bus que se está a desplazar por Galicia e que aloxa as salas de reunión, pódese visitar a mostra de materiais gañadores do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, que formarán parte da Materioteca de Galicia aloxada no CIS Tecnoloxía e Deseño, así como dunha aplicación de realidade aumentada que mostra información daquelas empresas innovadoras que poidan servir de referencia aos usuarios do servizo de asesoramento desta iniciativa. Estes materiais e desenvolvementos foron aportados polo CIS Tecnoloxía e Deseño.

Axuda á porta da casa

as pequenas e medianas empresas precisan moitas veces xa non só de axudas senón de asesoramento para enfrontarse a procesos tan complexos como a innovación ou as novas tecnoloxías. Escoitar casos de éxito sempre é gratificante e pode ser un espello no que mirarse, pero que ese asesoramento chegue á porta da túa casa non ten prezo. Non hai desculpa para non achegarse ó bus que abre a empresa a outros mundos xa que viaxa por dezanove localidades galegas e algunha estará a man dos interesados.

03 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.