Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Íntegro abre portas á inserción laboral para as persoas con diversidade funcional

Usuarios do centro ocupacional de Nantón visitaron varias empresas da Costa da Morte

No afán de seguir reafirmando o seu compromiso e de acadar o obxectivo da inclusión das persoas con diversidade funcional, a Asociación Íntegro segue dando pasos orientados a ese fin.

Así, dentro do programa de formación, orientación e inserción laboral que desenvolve no Centro Ocupacional de Nantón (Cabana de Bergantiños), co obxectivo de promover a autonomía persoal e a vida independente das persoas con diversidade funcional, un grupo de usuarios e usuarias, acompañados do persoal voluntario da entidade, veñen de realizar unha rolda de visitas a varias empresas da Costa da Morte para coñecer os diferentes perfís profesionais que existen na contorna, analizar os sectores aos que pertencen e achegarse ás súas rutinas de traballo.

Para complementar a formación teórica en materia de orientación e inserción laboral, que cada semana se leva a cabo nas dependencias da asociación, o pasado mes de setembro programaron varias saídas a empresas da contorna para posibilitar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades ocupacionais e prelaborais necesarias para unha plena inclusión no mercado de traballo.

Agrosoneira, Eroski, Granxa Os Loureiros e Comercial Benedicto foron os novos destinos deste programa, co que tamén pretenden potenciar as capacidades individuais, a participación na vida social e a mellora da autonomía e a autoestima das persoas con diversidade.

Ademais de amosarse interesados no funcionamento interno das empresas, os usuarios e usuarias do Centro Ocupacional quixeron coñecer máis a fondo as rutinas de traballo que se desenvolven a diario en cada unha “quizais coa intención de formar parte delas algún día”, sinalan ó respecto dende Íntegro.

Hai que lembrar ademais que, dende xullo de 2013, Íntegro ten en marcha tamén o centro especial de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro Máis Porvir Xestión Social, un espazo dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que ofrece traballo a 42 persoas, das cales a gran maioría teñen algún tipo de discapacidade. Unha iniciativa que a asociación quere que sexa o trampolín ao mercado empresarial.

Íntegro é ademais un colectivo comprometido co medio ambiente, e está a desenvolver o proxecto Diversiplás, + diverso -plástico, un proxecto que conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar. Ao amparo desta iniciativa, puxeron en marcha no Centro de Recursos de Nantón un obradoiro para o aproveitamento e o tratamento de refugallos plásticos.

Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades, como chaveiros, testos, pulseiras, froiteiros...

Traxectoria
Trinta anos de esforzo

··· A Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte leva máis de trinta anos camiñando cara a inclusión deste colectivo.

··· Foron sete persoas con discapacidade, de Ponteceso e Cabana, quenes en 1993 decidiron constituír unha entidade, que inicialmente se chamou Asociación de Minusválidos Ponte-Cabana. Hoxe, os retos do citado colectivo son brindar apoios personalizados, incorporar novos servizos e potenciar o proxecto empresarial de Máis Porvir.

17 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.