Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Íntegro aúna sostibilidade e inclusión con Diversiplás

Puxo en marcha un taller para o aproveitamento e tratamento de plásticos // Contará cunha rede de entidades colaboradoras

A Asociación Íntegro segue avanzando desde a inclusión para conseguir unha Costa da Morte máis sostible. Con tal fin desenvolve o proxecto Diversiplás, +diverso -plástico, unha iniciativa encamiñada á recuperación e revalorización de residuos plásticos.

Un proxecto que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller de aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na sede de Íntegro, en Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos, como chaveiros, mobiliario.... Con esta iniciativa de economía circular, Íntegro pretende “non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural de Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración”, afirmou Noelia Barreira, directora do Centro de Recursos, durante a presentación da iniciativa á Rede de Entidades Colaboradoras, na Escola de Vela, de Cabana.

Apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos”, afirmou.

Adolfo López, presidente de Íntegro, subliñou o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos, e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razósn alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

Desde Íntegro resaltan “o importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras...) que conforman a Rede de Entidades Colaboradoras e que serán os encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

A xornada rematou coa entrega do primeiro colector ao Concello de Cabana e cunha demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, incorporan unha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que se poden depositar neles.

O alcalde de Cabana, José Muíño, resaltou a importancia de “poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico”.

17 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.