Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Íntegro fará obras na súa sede para ampliar a aula ocupacional

Os traballos, que comenzarán en datas próximas e contarán coa financiación da Deputación, tamén beneficiarán á cociña, ó vestiario e aseos feminino e masculino

Valentín González Formoso visitou este mércores a sede da Asociación Íntegro, en Cabana de Bergantiños, e alí confirmou o apoio económico da Deputación da Coruña que preside para as obras de ampliación do centro que esta previsto que se leven a cabo en datas próximas.

O responsable do ente provincial, acompañado do alcalde da localidade, José Muíño, e do presidente da entidade, Adolfo López Baña, realizou unha visita ás instalacións que Íntegro ten en Nantón, onde presta apoio ás persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra desde o ano 1992 e coa que a Deputación coruñesa mantén unha estreita colaboración.

Formoso explicou que “vimos a certificar o traballo que é ben coñecido, non só en Cabana, senón en toda a Costa da Morte, que fai esta asociación coa que a Deputación leva moitos anos colaborando, aportando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo a máis de corenta familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación”. “O que fai Íntegro é aportar calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona e dan un futuro a cada unha desas persoas que son usuarias do centro”, afirmou.

Pola súa parte, Adolfo López agradeceu á Deputación “a visita e todas as axudas que ano tras ano nos están concedendo para mantemento e obras” e engadiu que “os que máis agradecidos están son os usuarios de toda a Costa da Morte que veñen ao centro, que agora mesmo son 43 e en lista de agarda hai 5 máis”. “Nós o que queremos é dar cobertura a cantas máis familias mellor, porque para elas este tipo de centros é moi importante, non só para o respiro familiar senón para a inclusión laboral e social dos seus familiares”, subliñou.

José Muíño quixo salientar que “Íntegro é un exemplo da colaboración entre distintas institucións e de tender pontes para axudar a esa xente máis necesitada. É moi bonito que esteamos xuntos, que colaboremos nunha forma de traballar baseada no respecto institucional”.

As obras, que se levarán a cabo proximamente e coas que colaborará a Deputación, consisten na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrado ao carón da fachada principal polo seu lado máis longo.

Esta nova estancia a construír permitirá ampliar a aula ocupacional e a cociña, así como o vestiario e aseos feminino e masculino. O obxectivo da actuación que contará con apoio orzamentario por parte da Deputación coruñesa é responder á demanda actual, habilitando unhas instalacións axeitadas para dar un servizo de calidade.

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña colaborou con distintos proxectos, tanto de investimentos como de financiamento de programas levados a cabo pola entidade asentada en Cabana de Bergantiños, como as obras de reparación da cuberta, creación dunha marquesiña e pintura interior, ou para a actividade diaria que se realiza no centro.

Plan Único
Renovación en Rego dos Muíños

··· Valentín González Formoso e José Muíño tamén se achegaron ata o paseo fluvial do Rego dos Muíños, onde o Concello de Cabana está a acometer unha obra de conservación, mantemento e recuperación deste itinerario peonil, financiada integramente pola Deputación a través do Plan Único cun orzamento de 107.992 euros. A actuación consiste na renovación do actual trazado, feito con táboas de madeira e zahorra artificial, que agora terá tarima de táboas de pino cuperizado cun tratamento especial por unha banda e, pola outra, se reparará a parte da senda feita a base de zahorra artificial mediante a extensión do firme granular cun espesor de 10 centímetros. Ademais, os traballos para a mellora da seguridade dos peóns inclúen a reparación das pasarelas existentes, a reposición de tubaxes de formigón, a roza a ambas marxes do río e a reposición da rocalla procedente da recuperación feita na canle. “Da gusto comprobar que os fondos da Deputación serven para mellorar a vida das persoas en todos os ámbitos, en servizos públicos básicos, abastecementos, saneamentos, beirarrúas, escolas infantís ou centros de maiores e tamén, como non, para poñer en valor o patrimonio natural”, destacou González Formoso, que eloxiou a “maneira tan exemplar coa que se está a facer aquí, executando un paseo que che fai desfrutar da natureza, dos muíños e dos regatos de Cabana”.

12 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.