Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Costa da Morte. Concellos, confrarías e outros axentes sociais colaboran co labor de reciclaxe // Instalaron 18 colectores brancos para a súa recollida // Este lixo será transformado en testos, chaveiros ou pulseiras

Íntegro mobiliza a rede de colaboradores para dar unha nova vida ó lixo plástico

O programa medioambiental da asociación Íntegro Diversiplás, + diverso-plástico segue avanzando cara una Costa da Morte máis sostible e respectuosa coa contorna. E, desta volta, faino centrándose na xestión dos puntos de recollida de plásticos, a través da colaboración cidadá e o compromiso dos numerosos axentes sociais implicados neste proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinada pola entidade de Nantón (Cabana) e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar.

Nas últimas semanas, moitos municipios, confrarías e asociacións da Costa da Morte, integradas na Rede de Entidades Colaboradoras Diversiplás, recibiron xa os novos colectores de plástico da man do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro Noelia Barreira. Concellos como o de A Laracha, Cabana, Malpica, Vimianzo e Muxía contan xa con dous destes contedores brancos, destinados exclusivamente á recollida selectiva de plásticos e situados en zonas accesibles e de maior tránsito peonil. Así mesmo, tamén dispoñen deles algunhas entidades do sector pesqueiro como a Confraría de Pescadores de Caión (Laracha), a Agrupación de Mariscadoras do Anllóns (Cabana) e a Confraría Virxe da Barca de Muxía, coa finalidade de mellorar as boas prácticas na súa actividade e reducir a presenza de plásticos no mar.

Aos 13 colectores xa distribuídos, sumaranse esta mesma semana outros 5. Este martes, día 4, farase entrega dun aos responsables da Confraría de Malpica e outro ás redeiras O Fieital, mentres que o xoves 6 será a quenda do Concello de Camariñas (1), a confraría da mesma localidade (1) e a de Camelle (1).

Ao longo deste mes, está previsto completar a subministración a toda a rede de entidades colaboradoras, que agardan siga medrando e estendéndose por toda a Costa da Morte coa incorporación de novos colectivos.

COLECTOR BRANCO. Para diferencialos do resto, estes colectores son de cor branco e contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que se poden depositar (HOPE 2, PP5, PS 6), e en que estado deben estar (sen etiquetas nin adhesivos de ningún tipo, e lavados con auga e xabón) para facilitar así os labores de reciclaxe e posibilitar o proceso de tratamento, recuperación e valorización dos mesmos no taller que a asociación Íntegro ten en Nantón (Cabana).

“Desde Íntegro queremos apelar á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para un uso correcto e axeitado dos novos colectores. Do contrario, o proceso de reconversión de residuos non será viable e, polo tanto, non poderemos obter produtos con novas utilidades como testos, chaveiros, mosquetóns, pulseiras, froiteiros, etc”, afirman. A asociación xa ten operativo no seu centro de recursos de Nantón (Cabana) o taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos. Trátase dun espazo equipado con tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic. Un modelo de economía circular co que Íntegro pretende non só promover a autonomía e inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. É a reafirmación do compromiso ambiental da entidade que no 1996, puxo en marcha Ecoemprego e no 2000 apostou pola produción ecolóxica.

04 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.