Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Íntegro premia o labor dos seus principais valedores durante os 30 anos da entidade

A Asociación Íntegro celebrou no auditorio de Cabana unha gala conmemorativa do seu 30 aniversario, na que se fixo entrega de diversos galardóns a representantes institucionais polo seu apoio e colaboración, e tamén a persoal sanitario e sociosanitario polo “gran labor desempeñado durante a pandemia e, especialmente, pola súa implicación directa coas persoas con diversidade funcional”, afirman.

Nesta categoría as galardoadas forno María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios, en representación de todo o persoal sanitario; Vanessa, asistente persoal e profesional sociosanitaria; e Carme Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e actualmente voluntaria da asociación. Ademais, recoñeceron o labor empresarial de José Ramón Pombo, de Autocares J. Pombo, por ser un dos colaboradores máis antido da entidade, e que “apotas pola inclusión laboral das persoas con discapacidade”.

No eido institucional, as distincións foron para a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María José Lorenzana; a deputada provincial de Benestar Social e Educación, Ana Lamas; o alcalde de Cabana, José Muíño; e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o traballo desta entidade e agradeceu o seu compromiso social e a defensa da igualdade de oportunidades. Sinalou que a Xunta comparte os valores que Íntegro promove para contribuír á dinamización do rural “camiñando cara a plena inclusión e conseguir unha Galicia máis inclusiva, máis xusta e máis integradora”.

Destacou tamén que os orzamentos de 2023 do departamento autonómico reservan 44,5 millóns de euros para o Plan Emprega Discapacidade, co que a Xunta prevé formar e mellorar as oportunidades laborais de preto de 6.000 persoas.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou “a traxectoria e o traballo” que leva a cabo “unha entidade que é referencia no eido social”. O que facedes, engadiu, “é aportar calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona e tamén dar un futuro a cada unha desas persoas que son usuarias do centro”.

Asegurou que a Deputación da Coruña leva moitos anos colaborando con Íntegro, aportando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, “que é enorme, atendendo a 45 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación”.

Lembrou tamén que “hai uns meses o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, estivo aquí para comprometer o apoio económico provincial para as obras de ampliación do centro, e nos últimos anos colaboramos con distintos proxectos, tanto de investimentos como de financiamento de programas levados a cabo por Íntegro, como as obras de reparación da cuberta, a creación dunha marquesiña e pintura interior, ou para a actividade diaria que se realiza no centro”.

Durante a súa intervención Ana Lamas valorou a figura do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xa que “todo isto sería imposible sen as persoas que apostaron por este proxecto hai 30 anos e que hoxe o manteñen vivo e con pulo, encabezadas polo Adolfo, alma desta entidade e que merece o maior dos aplausos”.

“Meréceos porque Íntegro, ademais de supoñer un respiro familiar e unha oportunidade para os usuarios e usuarias, realiza unha labor de valor incalculable para a súa contorna, contribuíndo á dinamización do rural, creando emprego, innovando, apostando pola inserción laboral ou aplicando políticas de igualdade”, afirmou.

13 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.