Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Íntegro reforza a atención ás persoas con diversidade

Incorporou unha psicóloga ao seu equipo // No último ano deu apoio a medio cento de mulleres, a maioría con discapacidade

A Asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte reforzou o seu cadro de profesionais cunha psicóloga que prestará atención especializada, tanto de xeito individualizado como en intervencións grupais, a persoas usuarias e familias, ademais de desenvolver o servizo de atención psicolóxica do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMD).

Suman así unha nova profesional ao seu equipo, integrado xa por unha educadora e unha traballadora social. Entre as súas funcións destaca a participación na planificación, elaboración, desenvolvemento e avaliación dos Plans Individuais de Atención (PIA) das persoas usuarias, así como ofrecer asesoramento e apoio psicolóxico ás familias que o precisen. Así mesmo, facilitará ás persoas profesionais de atención directa, pautas e estratexias de intervención sobre os problemas emocionais ou de conduta detectados, ademais de informar, de xeito individualizado, sobre a evolución e necesidades de cada usuario/a aos familiares que así o soliciten. Outra das facetas a desenvolver será a participación na elaboración de proxectos que requiran dun estudo psicolóxico para avaliar posibles beneficios sobre as persoas usuarias.

Desde o ano 2015 Íntegro xestiona tamén o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, un programa de atención personalizada e especializada, co-financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo (FSE), dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que residen no rural da Costa da Morte.

No último ano prestou atención a preto de medio centenar de mulleres, a maioría delas con discapacidade.

Entre os servizos máis demandados polas usuarias destacan o de información e orientación sobre recursos singularizados de atención e asesoramento persoal e social, así como apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas o seu proceso de integración social; mediación intercultural e familiar, a través da posta en marcha de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, e orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral. Ademais do acompañamento, as usuarias tamén dispoñen dun servizo de transporte gratuíto para os seus desprazamentos.

Por outra banda, desde o referido punto levaron a cabo numerosos acompañamentos na xestión de trámites administrativos, xestións económicas, citas médicas, etc. O desenvolvemento de accións formativas, dirixidas a grupos reducidos para ofrecer unha atención máis personalizada e adaptada ao protocolo COVID, é outro dos piares fundamentais para acadar a igualdade de oportunidades. Neste último ano, impartiron tamén talleres relacionados coas habilidades sociais e prelaborais, autocoidado e hixiene persoal, e o manexo do teléfono intelixente, un dos máis demandados polas persoas usuarias do servizo.

14 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.