Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Íntegro reforza a inclusión de persoas con diversidade

Máis Porvir conta xa con 40 traballadores na Costa da Morte // Prestan diversos servizos en Cabana, Mazaricos, Muxía e Zas

A empresa de iniciativa social de Íntegro, Máis Porvir Xestion Social, segue avanzando con paso firme na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, o noso Centro Especial de Emprego conta xa con 40 traballadores, que desempeñan numerosos servizos auxiliares a empresas, organismos públicos e particulares da contorna, entre os que destacan diferentes traballos de limpeza de superficies e inmobles, labores de conserxería e hidrolimpezas en exteriores.

Un dos últimos municipios en sumarse a este proxecto empresarial sustentable e competitivo foi o Concello de Muxía. Desde o pasado mes de novembro, un grupo de persoas con discapacidade encárgase da realización das labores de limpeza nos centros de educación infantil e primaria de Vilarmide-Eduardo Noya, Virxe da Barca e Os Muíños.

Por outra banda, localidades como Mazaricos e Zas xa hai anos que depositaron a súa confianza e compromiso en Máis Porvir para garantir o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade. No caso do primeiro, a través da contratación do servizo de limpeza da gardería e o ximnasio municipais, así como do CEIP de Pino de Val (antes de que pechara), e do CPI A Picota e CEIP San Cosme, onde tamén se realizan labores de conserxería.

En Zas, estanse a efectuar tamén traballos de limpeza nos dous centros de saúde, na gardería municipal e no CEIP Labarta Pose de Baio.

Ademais destas accións empresariais, desde a empresa de iniciativa social promóvense numerosas actividades formativas ao longo do ano para proporcionar aos traballadores novas capacidades e habilidades que dean como resultado un cambio social real que contribúa a mellorar a vida das persoas con diversidade funcional.

Unha delas é o programa Ruralízate para personas maiores de 55 anos, organizado polo Concello de Cabana e xestionado por Máis Porvir. Hai unha semana arrincou a nova edición, que se desenvolve na Escola de Vela (os mércores) e no centro de Íntegro (os xoves) debido ao elevado volume de inscricións. O primeiro obradoiro, que xira arredor das artes manuais, levarase a cabo de febreiro a marzo en horario

de 17.30 a 19.30 horas. De abril a maio, haberá outro de arranxos florais que dará paso, no mes de xuño, a un taller de risoterapia. Xa para o último trimestre do ano, están programados outros dous: restauración de mobles (de setembro a novembro) e arranxos de Nadal (de novembro a decembro).

24 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.