Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Irma Macías animará con Cantos de Nadal todas as parroquias de Vimianzo

A artista local iniciará a xira en Berdoias o día 22 e rematará en Baíñas // Haberá tamén teatro, cine e conexións con Papá Noel

Concertos musicais, teatro, cine, videoconferencias con Papá Noel e patinaxe nunha pista de xeo son algunhas das propostas lúdicas para gozar do Nadal en Vimianzo, que este ano trae novidades.

Unha delas é a xira que fará a artista local e cantante de Luar na Lubre, Irma Macías, que levará os seus Cantos de Nadal polos centros culturais de todas as parroquias, sempre que a evolución da covid o permita e cumprindo as normas hixiénico-sanitarias.

Comezará as súas actuacións o día 22 de decembro nas escolas de Berdoias (18.30 horas) e Cambeda (20:30 h.). Despois percorrerá Calo e Carantoña (día 23); Carnés e Cereixo (día 27); Serramo, Tines e Treos (día 28); Salto e Bamiro (día 29); e rematará en Castrelo e Baíñas (día 30).

Outra das novidades é a pista de patinaxe sobre xeo natural que se instalará do 17 de decembro ao 9 de xaneiro. Habilitarán unha app móbil para efectuar o pago e o centro da pista contará coa serigrafía do Concello. Esperan que contribúa tamén á dinamización do comercio e a hostalaría locais.

Paralelamente continúan os actos do programa Vive o Nadal en Vimianzo, que o sábado, día 11, traerá á Casa da Cultura ás 12.00 horas, un concerto da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. E pola tarde, a partir das 20.30 horas, Producións Teatrais Excéntricas presentará o espectáculo Estrela de día.

Os días 14 e 17 de decembro celebraranse varias videoconferencias con Papá Noel na Aula CeMIT, a partir das 10.30 horas. E o día 18 proxectarase El Grinch ás 18:30 horas no auditorio.

Ao día seguinte chegará o espectáculo dos Bolechas O Crebanoces, que copará novamente o auditorio da Casa da Cultura ás 18.30. Unha hora máis tarde, entregaranse os premios do Concurso de Postais de Nadal impulsado polo Concello de Vimianzo.

Os días 20 e 23 de decembro Papá Noel visitará os centros sociais e animará as rúas do municipio. Dará paso a Duende Sico, que o día de Noiteboa representará A mestra da lingua ás 11.30 horas na Casa da Cultura. Despois, ás 12.30, terá lugar a recepción de Papá Noel, que recollerá as misivas dos máis pequenos.

O 26 de decembro celebrarase a Festa de Nadal na Casa da Cultura co concerto de Mamá Cabra ás 18.30 horas, que rematará cunha chocolatada para os asistentes. Para despedir o 2021, o día 31 Teatro Calavera emocionará á rapazada coa Festa Infantil Fin de Ano ás 12.00 horas.

O novo ano comezará con maxia. O Mago Richard traerá o seu Conto de Nadal o día 2 de xaneiro ás 18.30 horas. As súas Maxestades de Oriente tamén virán a Vimianzo e percorrerán as parroquias o 5 de xaneiro. Haberá unha recepción ás 20.00 horas na praza do Concello. Pecharán a programación o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música o día 8 ás 18.30 horas, e o Duatlón de Reis, o día 9 en Castromil, puntuable para o Circuíto Galego de Duatlón de Cros.

Zas
Obradoiro de modelaxe para adultos

··· En Zas, o Concello tamén programou unha gran variedade de actividades. Unha das novidades deste ano é o obradoiro de modelaxe de Nadal dirixido ao público adulto. Celebrarase os días 11 e 18 de decembro no Centro Sociocultural da capital local de 16.00 a 19.00 h.

··· Para facilitar a conciliación familiar e laboral tamén se organizarán obradoiros infantís, nos que poderán participar nenos e nenas maiores de 4 anos. Desenvolveranse os días 27, 28, 29 e 30 de decembro. Haberá dúas quendas, unha de 10.00 a 13.00 horas en Zas e outra de 16.00 a 19.00 no centro cultural de Baio.

··· A programación inclúe tamén teatro, contacontos e un festival de música o día 12.

07 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.