Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
gala. Cento cincuenta persoas asistiron en Boiro á entrega dos premios á Mellor Empresa e ó Mellor Comercio e do distintivo de honra // Amicos, o restaurante Moanin, a librería El Cisne e a gasolinera Garlou foron os finalistas TEXTO Suso Souto

Jealsa, The Desire Shop e García Sánchez, coroados pola patronal

Máis de 150 empresarios e empresarias ateigaron a noite deste xoves o local A Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro, nunha gala na que a conserveira Jealsa e o establecemento The Desire Shop acadaron os premios á Mellor Empresa e Mellor Comercio, respectivamente, concedidos pola patronal, xunto ó Premio de Honra, que nesta primeira edición recolleu José García Sánchez.

O acto foi presentado por María Lado (poetisa, actriz e narradora nacida en Cee e gañadora do Certame de Poesía María Mariño).

Despois do parón forzoso do pasado ano, esta era a cuarta edición dos galardóns, que naceron co obxectivo de recoñecer a labor daquelas empresas asociadas que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e xerar emprego.

Os gañadores foron elixidos en votación polos socios da entidade empresarial, e este ano incluíase como novidade o distintivo honorífico outorgado pola xunta directiva.

O presidente da patronal, Daniel García, quixo destacar “a altísima participación, xa que se bateron todos os récords, acadando a cantidade de 660 votos, case 200 máis que na última edición”, e indicou que “a proba do éxito e expectación que xeneran estes premios é a asistencia masiva a esta gala, xa que non é nada doado congregar nun mesmo acto a máis de 150 empresarios”.

Tamén fixo balance “dun ano complicado polas implicacións que se derivaron da pandemia, pero ó mesmo tempo esperanzador e que agardamos supoña o relanzamento definitivo da economía local”.

Neste sentido indicou que “fixemos 28 novos socios, algo excepcional co covid, e tamén conseguimos 182.000 euros en axudas para que os boirenses invistan nos seus negocios. Estes premios son un acto simbólico que demostra a unión dos nosos membros”, comentou García.

Margarita Hermo (directora de Relacións Institucionais de Jealsa) recibiu o galardón de mans de Moisés Picón (propietario do estudo de interiorismo Moai e gañador da pasada edición). A Cristina Cerqueiras e José Manuel Iglesias (donos de The Desire Shop) entregoullo Miguel Triñanes (dono do supermercado Claudio de Cabo de Cruz, gañador da pasada edición).

En canto ó Premio de Honra, foi Daniel García quen fixo a entrega a José García Sánchez, propietario da empresa García Sánchez Boiro S.L., que desenvolve a súa actividade como corredoría de seguros e xestora inmobiliaria.

Daniel García destacou “a súa capacidade de reinvención e resiliencia en momentos de crise, e a súa traxectoria á fronte dunha das empresas máis recoñecidas da localidade, que conta cunha carteira de máis de 4.000 clientes”. Engadiu que José García leva máis de 40 anos traballando e destacou a súa aposta pola sostibilidade e a responsabilidade social corporativa, así como a súa colaboración con numerosas entidades e colectivos boirenses.

E, con respecto ós finalistas, na categoría de Mellor Comercio foron para a librería El Cisne (Jesús Santamaría, tesoureiro da patronal, entregoullo a Rafael García) e a estación de servizo Garlou (Cristian Lago, vogal da patronal, entregoullo a Margarita Loureda), e na de Mellor Empresa, foron para o restaurante Moanin (o seu dono, Luis Manuel Tobar, recolleuno de mans do vicepresidente da ABE, Javier Caamaño) e para a asociación Amicos (o alcalde, José Ramón Romero, entregoullo á vicepresidenta do citado colectivo, Digna Iglesias, e a dous dos seus usuarios: Miguel e Adriana).

19 nov 2021 / 14:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.