Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lalín atrapou 5.200 velutinas no Gran Prix das parroquias

As tres gañadoras coñeceranse o día 18 de xuño nun acto en Liñares con mostra e cata de mel

Dez foron as parroquias de Lalín participantes no Gran Prix da velutina, unha das principais novidades que presentou a campaña municipal deste ano contra esta especie asiática. Así o concreta o edil de Agricultura, Avelino Souto, que explica que o Gran Prix é un concurso entre parroquias para distinguir aquelas que de xeito voluntario quixeron participar e que máis exemplares de vespas asiáticas capturaron.

Souto apunta que en total nestas dez parroquias (Anseán, Vilatuxe, Moneixas, A Xesta, Sello, Soutolongo, Noceda, Palmou, Muimenta e Parada) atrapáronse un total de 5.200 exemplares.

As localidades gañadoras recibirán o seu premio o día 18 de xuño nun acto no que tamén está previsto abrir unha exposición promovida pola Asociación Galega de Apicultura sobre apiturismo no marco do programa O teu Xacobeo 21-22 e onde tamén haberá unha cata de mel. O acto desenvolverase no Pazo de Liñares pola tarde (a hora está por determinar) e a asistencia é aberta ata completar aforo.

O edil delegado sinala que haberá tres premios que distinguirán a aquelas parroquias que máis velutinas capturasen por quilómetro cadrado. Souto remarcou que o Gran Prix actuou nesta primeira edición como un incentivo máis para tomar parte neste exitosa campaña.

Destaca a gran asistencial veciñal ao ciclo de charlas que se desenvolveron pola totalidade das parroquias (agrupadas en zonas, a unha determinada reunión foron citados veciños de varias zonas limítrofes) e ao interese amosado, que se puxo de manifesto no alto número de cuestións que preguntaron aos apicultores especialistas, David Liñares e Jorge Peña.

Nesas charlas facilitáronse un total de 450 trampas á veciñanza e folletos informativos sobre distintos aspectos relacionados coas velutinas, con recomendacións de como actuar se se atopa un niño (cunha chamada gratuíta ao 012), con indicacións para a construción dunha trampa caseira ou para a eliminación de niños, así como información sobre os danos que producen, entre outros aspectos.

Lebrar que no acto de entrega dos premios do Gran Prix da velutina tamén se presentará unha exposición sobre apiturismo en Galicia, titulada Ruta das abellas, que está dentro do marco do programa O teu Xacobeo 21-22.

30 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.