Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h

Lalín convida á gran Festa do Cocido

O xornalista José Ribagorda será o pregoeiro // A música, os desfiles e a feira aderezarán o prato principal na capital do Deza

Logo da exitosa gala que xuntou na noite do venres en Lalín a artistas como Omar Montes, María del Monte, Ortiga e Pili Pampín, ademais das orquestras Olympus e París Noia, entre outras actuacións, a capital do Deza vivirá este domingo o día grande da LV Feira do Cocido.

A gala, que foi retransmitida pola TVG, serveu tamén de escenario para a entrega dos XXIX Premios de Gastronomía de Galicia e do XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que lle foi outorgado a Manuel Villanueva.

Os actos do día grande comezarán ás 10.30 horas na casa consistorial coa recepción das autoridades e do pregoeiro, o xornalista José Ribagorda, e continuarán co capítulo xeral da Encomenda do Cocido. A charanga Verbeneros porá as primeiras notas musicais polas rúas de Lalín e, ao mediodía, abrirase a feira e a Carpa do Cocido, situada no Campo da Feira.

Ás 12.45 horas está previsto que comece o pregón, na rúa Principal e, de seguido partirá o desfile da LV Feira do Cocido, no que participarán carrozas, comparsas, charangas, grupos musicais e entroidos tradicionais.

Na lista de participantes están O Porco Queitano; a A. C. Carballo da Manteiga; a banda de gaitas Os Dezas de Moneixas; as carrozas A Carqueixa da Veiga, Gadis, Parroquia de Bendoiro, de Sello, Cabaleiros de Lalín, Cooperativa Gandeira de Botos e do grupo de baile A Carballeira de Cercio; os Cabezudos de Laxeiro; Vellaróns de Riós; Folión de Mormentelos; as comparsas Miúdos de Arcade, Os da Caña de Marín, Luces de Tomiño, Os Remolóns de Vilagarcía e Cor Café de Pontevedra; as charangas KM Cero, Leña Verde e Los Verbeneros, e o Grupo de Gaitas e Danzas Santiago Apóstol de Pamplona. A orquestra La Fórmula e a Charanga Ardores pecharán a festa ás 18.30 horas.

12 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.