Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Deputación coruñesa concedeu 1.666 aportacións directas para paliar o impacto do incremento no custo do carburante // A meirande parte dos empresarios e autónomos beneficiarios recibiron xa o ingreso de tres mil euros TEXTO Manuel Boo

Lanzan axudas para combustibles á agrogandería, a pesca e o transporte

A Deputación da Coruña concedeu 1.666 axudas directas para paliar o impacto do incremento do custo do combustible a tres sectores estratéxicos da provincia: o agropecuario, o pesqueiro e o do transporte de mercadorías.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, fixo balance dos resultados da tramitación desta liña de subvencións coa que a Deputación se converteu hai unhas semanas na primeira administración de Galicia que paga axudas directas a estes tres sectores, esgotándose en menos de vinte e catro horas os cinco millóns de euros de crédito dispoñibles ao recibirse máis de 4.500 solicitudes.

A día de hoxe a Deputación concedeu axudas directas de 3.000 euros a 1.666 solicitantes e ingresou xa a meirande parte delas, concretamente a 1.281 pemes, microempresas e persoas autónomas. As restantes solicitudes concedidas atópanse xa en trámite de pago e recibirán o ingreso na conta sinalada ao efecto nos vindeiros días. A meirande parte das solicitudes concedidas proveñen do sector do transporte de mercadorías, cun 40,2 % do total, seguido do sector gandeiro (28,2 %), o agrícola (26,5 %) e o pesqueiro (3,3 %).

O 70,2 % das solicitudes concedidas foron presentadas por profesionais autónomos, mentres que o 29,8 por cento restante proveñen de pemes e microempresas con actividade profesional nestes sectores.

Dos cinco millóns de euros orzamentados nesta liña de medidas urxentes xa se teñen pagado na actualidade preto de catro, e o importe restante será ingresado nos vindeiros días aos restantes beneficiarios.

Atendendo á distribución por concellos onde radica o domicilio fiscal das empresas e persoas autónomas beneficiarias, o de Santiago de Compostela é o que máis solicitudes concedidas ten, por un importe de 246.000 euros, seguido de Santa Comba e Mazaricos, con 189.000 euros e 180.000 euros respectivamente.

Por comarcas, a de Santiago de Compostela é a que conta cunha maior cifra de solicitudes concedidas, con 645, por un importe de 1.935.000 euros, seguida de A Coruña, por un importe total concedido de 777.000 euros, e Bergantiños, con 741.000 euros. Pola súa banda, a comarca de Ferrol conta con 141 solicitudes concedidas, por importe de 423.000 euros, e a de Barbanza con 126, por importe de 378.000 euros.

Valentín González Formoso tamén adiantou que un total de 3.209 empresas e autónomos da provincia da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas PEL 2022 da Deputación da Coruña, que este ano contan cun orzamento de 7,2 millóns de euros. O prazo de recepción de solicitudes permaneceu aberto desde o 11 de abril ata o 11 de maio.

A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña de PEL-Autónom@s, consolidándoa como a liña máis demandada, cun total de 1.174 solicitudes. A través desta liña as persoas autónomas optan a unha subvención de ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social que xa non estean suxeitas a ningunha bonificación.

A axuda de PEL-Emprende Investimento recibiu 1.018 solicitudes e, no caso das liñas de PEL-PEMES as axudas á contratación chegaron a 837 solicitudes e as de mantemento do cadro de persoal recibiron 204.

Por outra banda, cómpre destacar que, co obxectivo de chegar a un maior número de empresas, as axudas PEL 2022 veñen incrementado o seu orzamento inicial nun trinta e oito por cento con respecto ao ano anterior, pasando de 5,26 millóns de euros a un total de 7,26.

O PEL é unha aposta transversal do goberno da Deputación ao que se destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos seis anos transcorridos desde a súa creación, a institución provincial axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3.500 empresas e creou unha rede provincial de espazos coworking que xa conta con once centros en funcionamento.

Un ano máis, o mencionado PEL permitirá seguir creando emprego nun contexto económico adverso, con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros para persoas autónomas de concellos de menos de 20.000 habitantes, xa que todas as axudas PEL-2022 son compatibles entre si.

comarcas@elcorreogallego.es

O protagonista
“Hai pagos que chegaron ás sete horas das solicitudes”
Valentín González Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, protagonizou unha reunión previa co departamento de Promoción Económica na que tivo a oportunidade de agradecerlle a boa e áxil xestión que levaron a cabo para a tramitación destas subvencións. Nesa mesma cita, Valentín González tamén valorou de xeito moi positivo a rapidez coa que se concederon as axudas, destacando que “fomos quen de empezar a pagalas nun tempo récord de entre sete horas e, como máximo, once días desde que presentaron a solicitude”.

18 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.