Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Laracha, Arteixo e Carballo sumarán forzas para dispor dunha conexión ferroviaria

Avogan por crear unha gran área loxística na zona de influencia do porto exterior // Definirán un plan conxunto de mobilidade

Os concellos da Laracha, Carballo e Arteixo non queren deixar pasar de longo a oportunidade de desenvolvemento que supón o porto exterior e, para non perder ese tren, os seus alcaldes veñen de manter unha reunión de traballo na que abordaron a necesidade de definir unha estratexia conxunta de mobilidade que estea baseada, precisamente, na creación dunha conexión ferroviaria, pero tamén na mellora das comunicacións por estrada. O obxectivo é converter este importante eixo industrial e residencial nunha gran área loxística de Punta Langosteira.

Considerando tanto o volume total de poboación (preto de 75.000 habitantes) como o potencial de creación de emprego dos catro parques empresariais situados neste eixo e os desprazamentos que xa se rexistran a diario por motivos laborais, José Manuel López Varela, Evencio Ferrero e Carlos Calvelo estableceron como obxectivo inmediato a redacción dun plan de mobilidade conxunto que defina as infraestruturas viarias e ferroviarias que é preciso crear ou renovar para ofrecer solucións que integren a mobilidade residencial coa industrial e a loxística.

“O importante é que aquí vénse vivir e traballar”, destacou o alcalde de Arteixo, e ese é un aspecto diferenciador con respecto a outras áreas metropolitanas. Nese sentido, A Laracha, Carballo e Arteixo promoven este proxecto transformador e con visión de futuro para incrementar o potencial de desenvolvemento económico do eixo industrial, pero tamén para facilitar a mobilidade das persoas e cunha perspectiva de sustentabilidade, ao apostar polos transportes colectivos.

Os tres concellos asinarán un convenio para a redacción do documento, coa finalidade de presentalo ás administracións competentes (Xunta e Goberno de España) e poder optar a fondos europeos para o seu financiamento.

Os tres alcaldes reiteraron a importancia de que os concellos compartan estratexias de futuro e unha visión conxunta do territorio na procura do beneficio común de potenciar o desenvolvemento económico e social do eixo Arteixo-A Laracha-Carballo.

José Manuel López aludiu tamén á importancia de impulsar a ampliación do solo industrial “para non perder as oportunidades de implantación de novas empresas”. Nese sentido, Ferrero apuntou aos graves prexuízos que causa a deslocalización. “Non importa que estean en Carballo, na Laracha ou en Arteixo; o importante é que non marchen para outros países, como está pasando”, sinalou.

04 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.