Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Laracha e Cabana inician o trampeo contra as velutinas

Ambos concellos poñen a disposición da veciñanza os equipos e tamén o líquido atraínte // Solicitan a colaboración da veciñanza

Achégase a primavera, e os concellos da Laracha e Cabana de Bergantiños xa comezaron as respectivas campañas de trampeo para combater a expansión da avespa velutina.

Dende o Concello larachés sinalan que esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.

A campaña levarase a cabo de dous xeitos paralelos co propósito de optimizar os resultados. A fase inicial consistirá na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente nas zonas verdes, nos parques e nas prazas públicas.

Ademais, dende a administración local fan un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía. “Aquelas persoas que o desexen poderán solicitar de balde no Concello a partir do luns 21 de marzo tanto trampas como líquido atraínte”, afirman.

Lembran a importancia de centrar os esforzos nesta época do ano, xa que “a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil avespas”, explican ó respecto.

Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de velutinas é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.

Pola súa banda, a campaña de trampeo de velutinas en Cabana de Bergantiños prolongarase este ano desde o 16 de marzo ata o 15 de xuño. O Concello poñerá a disposición da veciñanza trampas e líquido atraínte para frear o avance da especie invasora.

Así, previa solicitude nas oficinas xerais do Concello ou a través da páxina web municipal (www.cabana.gal), repartiranse ata 180 dispositivos de captura entre a veciñanza. Todas as persoas que soliciten trampas deberán informar de xeito obrigatorio do número de raíñas capturadas cada quince días. Unha vez finalizada a campaña, as trampas deberán devolverse na casa consistorial.

Ademais, a empresa Plaguiber encargarase de colocar oitenta trampas por distintos lugares públicos do municipio, como a contorna dos colexios, xardíns, igrexas ou o paseo marítimo. Estes dispositivos estarán xeolocalizados mediante unha aplicación móbil.

O ano pasado, a campaña de trampeo en Cabana saldouse con case 16.000 raíñas capturadas en tres meses. En total colocáranse duascentas trinta trampas entre as instaladas en zonas públicas e domicilios particulares.

Cómpre subliñar que o maior número de capturas rexistrouse nos meses de maio e xuño, con preto de seis mil exemplares cada mes.

Ademais da Laracha e Cabana, na Costa da Morte tamén promoven campañas contra a velutina os municipios de Carballo, Camariñas e Zas, entre outros. No municipio carballés, o pasado ano capturaron máis de 32.400 raíñas, unha cifra que duplicou a rexistrada en 2020. Para acadar esta cifra contaron coa colaboración de 245 persoas en todo o municipio, moitas delas vinculadas ao sector apícola. En Zas, pola súa banda, a campaña do pasado ano saldouse con 9.700 captura en tres meses. Colaboraron 133 persoas.

14 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.