Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Xunta lanzou onte en O Son a súa campaña na que oferta casi oito mil prazas nos diferentes campamentos // O prazo para solicitalos será de sete días hábiles e comezará o 20 de maio // Desenvolveranse de xullo a setembro TEXTO María Cano

Lecer seguro este verán para unha xuventude responsable

O campamento xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son foi o escenario elixido pola Xunta de Galicia para presentar o programa de actividades que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro e que porá á disposición da xuventude galega un total de 7.830 prazas, mil máis que o ano pasado. Ata alí se desprazou onte a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen sinalou que a campaña de verán ofrecerá un “lecer seguro” á mocidade tras os esforzos realizados no último ano. O prazo para pedir solicitude será de sete días hábiles e comezará o xoves 20 de maio, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A representante do Goberno autonómico indicou que, como cada edición, inclúense tamén prazas reservadas para persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos, un total de 185, así como para rapaces tutelados, outras 60 prazas. Destacar que dentro da oferta desta campaña figuran campamentos para nenas e nenos de 9 a 17 anos, intercambios con outras comunidades autónomas, campos de voluntariado para maiores de 18 anos e minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos.

Durante a presentación, a titular de Política Social resaltou tres novidades da época estival deste ano. Por un lado, incorpóranse catro novas instalacións de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda; recupérase o programa de intercambio bilaterais que se suspendera o ano pasado por mor da pandemia; e sumaranse trece novos campos de voluntariado, ata chegar a un total de corenta.

Así, na provincia da Coruña estarán operativos este verán o albergue xuvenil Mariña Española, en Sada; o de Gandarío, en Bergondo; o campamento de Furelos, no concello de Melide; o Virxe do Loreto, en Porto do Son; o de Espiñeira, en Boiro; a escola de agricultura ecolóxica Vilasantar, en Vilasantar; a granxa zoo Grixalba, en Sobrado dos Monxes; a aldea do Couto, no concello de Ponteceso, e o Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago, ademais do de Bergantiños.

O Executivo galego manterá o protocolo específico fixado no ano pasado para este tipo de actividades. Neste sentido, Fabiola García apuntou que “Galicia apostou polos campamentos de verán cando ninguén o facía e logrouse realizar unha campaña sen ningún caso positivo”. Por este motivo, continuaranse implantando medidas como a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias.

O lema desta campaña será O verán que mereces, como recompensa por todos os esforzos, bo comportamento e exemplo que demostrou a xuventude galega durante o último ano de pandemia. “Lonxe dos estereotipos que a perseguen, hai unha mocidade responsable, consciente e comprometida”, afirmou ao respecto a conselleira de Política Social.

No acto de presentación das actividades tamén participaron a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, quen agradeceu á conselleira que escollese o campamento sonense para presentar as iniciativas. O rexedor referiuse durante a súa intervención ao lema do programa, pois “os nenos e nenas dannos exemplo aos maiores do bo comportamento e cumprimento das normas coas que se trata de frear a expansión do COVID, soportando esta complicada situación dunha maneira exemplar”, dixo.

Asemade, Oujo tamén destacou o entorno privilexiado no que se encontra un dos campamentos máis tradicionais de Galicia, ao que cada ano acoden centos de mozos procedentes de distintos puntos da Comunidade. Ubicado fronte á impresionante praia da Aguieira e co monte moi preto, permite realizar escalada, rutas en bici de montaña, practicar tiro con arco ou a navegación en kayak, entre outras experiencias.

A reactivación desta campaña supón un alivio para as familias galegas con fillos menores, a quen lles facilita a conciliación durante o período vacacional sendo, se cabe, máis necesaria no contexto actual.

12 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.