Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lecturas educativas con cans nas tres biblitoecas municipais da Laracha

A iniciativa está dirixida á rapazada de 5 a 11 anos // Os centros designados acollerán tamén cinco sesións do Outono de Contos

A Laracha agarda unha nova edición do programa Outono de Contos, que o Concello pon en marcha cada ano por estas datas e que nesta edición incluirá cinco sesións de contacontos teatralizados e, por primeira vez, unha novidosa iniciativa consistente na lectura educativa con cans.

Este programa, que se vai levar a cabo nas tres bibliotecas municipais, pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar a lectura entre os máis pequenos da casa.

Outono de Contos principiará o venres, día 30 de setembro, con Xogar e aprender galego mola! A miña familia é a mellor a cargo de Gema Pardo. Será a partir das 18.00 horas na biblioteca da Laracha e dirixido a nenos de entre 4 e 7 anos de idade.

O domingo 2 de outubro na casa da cultura da capital larachesa, a partir das 12.00 horas, ofrécese o contacontos para bebés Arrolos, de Mamá Cabra. O venres 7 de outubro ás 18.00 horas na biblioteca de Caión, Sabela Gago presentará o contacontos O señor do Castelo, dirixido aos maiores de catro anos.

Para ese mesmo público tamén está pensando o espectáculo A pequena gran inventora, de Trémola Teatro, que terá lugar o venres 14 de outubro desde as 18.00 horas na biblioteca de Paiosaco. O último dos contacontos será Toupiciencia, de A Xanela do Maxín, o venres 21 de outubro a partir das 18.00 horas na biblioteca da Laracha.

Pola súa banda, a lectura educativa con cans é unha iniciativa que nace co obxectivo de mellorar as habilidades neste senso dos nenos mediante a intervención de cans especialmente adestrados para establecer con eles unha conexión emocional e relacionarse co lector segundo as súas necesidades.

Vai dirixida a rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos. Levarase a cabo na biblioteca de Caión (28 de outubro), Paiosaco (4 de novembro) e A Laracha (11 de novembro), sempre en horario de 17.30 a 19.30 horas.

Dado que as prazas son limitadas, nas lecturas educativas con cans requírese de inscrición previa, que é gratuíta, e debe formalizarse na biblioteca correspondente.

HARMONIZA. Pola súa banda, o servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se presta a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha desde o inicio do curso escolar 2022-2023 está a rexistrar un rotundo éxito tal e como reflicten as cifras de usuarios, que aumentan cada ano respecto aos anteriores.

Nesta ocasión o total de beneficiarios ascende a 108, dos cales oitenta son alumnos do CEIP Otero Pedrayo, vinte e dous do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e outros seis, do CEIP de Caión.

Precisamente este último centro é a gran novidade deste ano, xa que estrea o servizo ao ser a primeira vez que alcanzou o número mínimo de usuarios establecido.

26 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.