Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O escritor pontevedrés presentou onte en Valga o libro ‘Carolina Otero. Primeras actuaciones documentadas’ // Entre outras novidades, sostén que triunfou antes en Marsella que en Barcelona, como manteñen os seus biógrafos TEXTO María Rendueles

Leoncio Feijóo desvela os inicios artísticos da diva da Belle Époque

O auditorio do Museo da Historia de Valga acolleu onte a presentación do libro Carolina Otero. Primeras actuaciones documentadas, un estudo sobre os inicios artísticos da gran diva da Belle Époque, a Bella Otero. Un libro realizado polo pontevedrés Leoncio Feijóo Lamas, que onte contou co apoio do alcalde, José María Bello Maneiro, e do concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.

A publicación abarca o período comprendido entre os anos 1887 e 1890, unha época bastante descoñecida da traxectoria de Carolina Otero. A base documental é a prensa da época, en concreto máis de 20 rotativos franceses que o autor consultou a través do arquivo dixital da Biblioteca Nacional de Francia, e tamén prensa española, especialmente xornais barceloneses.

Segundo explicaron na presentación, a primeira noticia que Leoncio Feijóo localizou sobre a Bella Otero provén de Francia e data de 1887: “Morena como ningunha, pel escura de oriental, pestañas e cellas que ensombrecen o rostro, e naturalmente o sorriso, que é raro, revela perlas. Esta moza estranxeira é sevillana, aos encantos da súa persoa une os talentos do seu país; baila as seguidillas e manexa as tarrañolas como ningunha española o fixo ata agora. A señorita Carolina Otero non ten nin vinte anos. Escoitarémola e verémola pronto, e será unha forte atracción parisina”, auguraba aquela reseña da época.

Desta primeira aparición en prensa, o autor extrae unha primeira conclusión, ata agora inédita, sobre a traxectoria artística da Bella Otero: “triunfou antes en Marsella que en Barcelona e isto rompe coa liña narrada polos biógrafos da diva da Belle Époque”, sinalou ó respecto.

O libro continúa o seu relato cronolóxico coa estancia da Bella Otero en Barcelona en dúas etapas: entre maio e agosto de 1889 e no inverno de 1890. Da primeira época son as primeiras críticas artísticas escritas sobre a bailarina, así como a súa primeira aparición nunha portada exclusiva dun medio impreso ou o primeiro retrato da súa vida artística, que se publica na portado do semanario catalán La Tomasa en xullo de 1989 e que Leoncio Feijóo utilizou para ilustrar a portada da súa publicación.

Finalmente, o estudo abarca as primeiras na cidade de París, en torno ao ano 1890, e péchase o traballo coa marcha de Carolina Otero a Nova Iorque, de onde regresaría a Europa en abril de 1891 xa convertida nunha estrela de fama mundial.

Outro dos asuntos máis destacables, a xuízo do citado autor, sobre o contido da publicación e os datos novidosos que aporta á biografía da Bella Otero é a súa importante relación co xénero da zarzuela, cando ata o de agora era máis recoñecida a súa vinculación co flamenco.

PERFIL MENOS FRÍVOLO. Feijóo Lamas agarda que este libro axude “a coñecer mellor á Bella Otero” como artista e a “rebaixar o perfil un tanto frívolo que acostuman a ofrecer os biógrafos”. A obra está á venda en librerías de Pontevedra e tamén pode adquirirse contactando co autor a través do enderezo electrónico leonciofeijoo@hotmail.com.

No seu turno de intervención, o alcalde deulle a noraboa polo traballo de documentación realizado, que permitiu sacar á luz “información da que non tiñamos coñecemento sobre o personaxe máis importante do concello de Valga”, dixo.

José María Bello Maneiro lembrou, ademais, que o autor é unha persoa moi vencellada a Valga e que foi gañador ata en tres ocasións da segunda modalidade do premio literario Xesús Ferro Couselo.

areadecompostela@elcorreogallego.es

10 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.