Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Licitadas 40 actuacións para aumentar no rural de Ames a seguridade viaria

Colocaranse elementos como bandas sonoras ou espellos, novos sinais verticais, adecentaranse firmes e pintaranse pasos de peóns

O Concello de Ames continúa o seu investimento en seguridade viaria e nas infraestruturas do rural amesán, nesta ocasión cun amplo proxecto de melloras que inclúe ás once parroquias do concello, con ata 40 actuacións en materia de sinalización, instalación de elementos de seguridade, pintado, mellora da capa de rodaxe e limpeza de gabias. A actuación, aproba-
da pola xunta de goberno local neste mes de xullo, conta cun orzamento inicial de 119.428,85 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.

A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias amesás vén das votacións dos orzamentos participativos de 2020, na que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Daquela, esta actuación fora a opción máis votada pola veciñanza, o que amosou a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas parroquias e lugares amesáns.

Neste senso, o proxecto engloba unha serie de reformas nas once parroquias da vila. Agrón contará con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea-Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; un sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea, e a reparación de fochancas ao longo da parroquia. No caso da Ameixenda haberá catro actuacións, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dun sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e de dous sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.

Pola súa banda, a parroquia de Ames contará con tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda, e dun espello convexo en Pousada.

Na parroquia de Biduído actuarase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova-Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba -Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz-Costoia; e a instalación de catro sinais de límite de velocidade, nas estradas Casanova-Biduído de Abaixo e Casanova-A Igrexa.

Por outra parte, en Bugallido executaranse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns-Biduído, e a disposición dun sinal de paso prioritario.

En Covas faranse tres proxectos. Pintarase a estrada Bertamiráns-O Lombao, e sinalizaranse os pasos de peóns da vía, ademais do pintado dun novo paso no propio lugar do Lombao.

Asemade, a parroquia de Lens contará cunha mellora no lugar de Lens, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico. Ortoño contará tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no Instrumento, ou o pintado dun paso de peóns.

Por outra parte, a estrada A Igrexa-Vilaverde, na parroquia de Piñeiro, vai gozar de dúas actuacións: a mellora do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.

No caso da parroquia de Tapia, poranse en marcha catro actuacións. Colocaranse dúas sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva. Por último, en Trasmonte actuarase no lugar de Suevos, onde se aumentará o ancho da vía e se procederá á canalización de pluviais.

O alcalde do municipio, Blas García, explicou que “é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos orzamentos participativos, e que trataremos de executar o antes posible”.

29 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.