Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Licitarán a vindeira semana as obras do saneamento de Cee e Corcubión

Investiranse máis de oito millóns de euros // Os traballos deberán executarse nun prazo de dezaoito meses // Na segunda fase construirán outra depuradora

O Consello da Xunta autorizou este xoves a contratación das obras de mellora do sistema de saneamento dos concellos de Cee e de Corcubión, que suporán un investimento autonómico de máis de 8,1 millóns de euros. A Administración autonómica prevé licitar os traballos na vindeira semana, despois de aprobarse a colaboración co Concello ceense para levalos a cabo.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, avanza nesta intervención unha vez que o Concello xa aprobou en pleno o proxecto e puxo á disposición os terreos necesarios para acometer as obras. Ademais, a administración local asume o compromiso de recepción e explotación das actuacións, unha vez realizadas. Pola súa banda, a Xunta comprométese a financiar integramente a actuación, así como á contratación e á execución dos traballos.

Esta intervención está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. Estas obras conforman a primeira fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Corcubión para mellorar o funcionamento do sistema.

As actuacións, cun prazo de execución de 18 meses, teñen como obxectivo solucionar as deficiencias que presenta na actualidade a rede de saneamento de Cee e Corcubión. O proxecto redactouse a partir dun estudo previo que constatou carencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta. As actuacións proxectadas teñen como propósito solucionar estas deficiencias e optimizar o sistema de saneamento destes municipios, mediante a renovación do colector das Laxes e a construción dun novo tanque de tormentas.

Tamén se acometerá un novo colector que desde o bombeo das Monxas conduza as augas ao tanque de tormentas e as bombee á depuradora. No colector das Laxes arranxarase o treito que discorre pola marxe dereita do río, desde a impulsión actual ata o novo tanque de tormentas. Ademais instalarase un bypass xeral de toda a instalación que facilite que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas.

A Consellería de Infraestruturas tamén está a redactar o proxecto de construción dunha nova depuradora na segunda fase do plan.

22 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.