Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Laboratorio Arqueolóxico acolle a fase de experimentación sobre os bronces plomados entre o Bronce Final e a Idade de Ferro da Europa Atlántica // Os técnicos funden metais do mesmo xeito que se facía na Prehistoria TEXTO S. Elvira

Liñares asentase como centro de investigación do patrimonio

O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico da Deputación de Pontevedra no Pazo de Liñares, en Lalín, segue a dar pasos para situarse como un reputado centro de investigación estatal e internacional sobre o patrimonio. Deste xeito, o recinto lalinense acolleu nos últimos días a fase de experimentación do proxecto Produción e deposición masiva de bronces plomados na transición Bronce Final- Idade de Ferro da Europa atlántica, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, liderado por Xosé-Lois Armada, do Incipit, e no que están implicadas equipas do Museo Británico, da Universidade de Cambridge ou da Universidade de Coimbra. O equipo de investigación participante no experimento puxo en valor as “prácticas instalacións” do pazo.

En Liñares traballaron persoal do Incipit (Xosé Lois Armada, Noemí Silva e María G. Faro) e do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (Beatriz Comendador e Aaron Lackinger). Eles realizaron entre o xoves e o venres pasado traballos de “enxeñería inversa”, para resolver as incógnitas do proceso de produción dos machados de talón prehistóricos, con altos contidos de chumbo, que aparecen nos depósitos do Noroeste Ibérico e dos que o Museo de Pontevedra acolle unha boa mostra.

Malia ser moi frecuentes en Galicia e no norte de Portugal, o emprego de altos contidos de chumbo para producir machados de bronce formula numerosos interrogantes dende o punto de vista tecnolóxico e funcional.

De feito, moitos destes machados preservan o cono de fundición e parece que nunca chegaron a empregarse como machados propiamente ditos.

Así, nas instalacións de Liñares as e os investigadores estiveron fundindo metais, mantendo e variando os parámetros do proceso que seguiron tal e como se facía entre a Idade de Bronce Final e a de Ferro, para elaborar diferentes réplicas e descubrir como producían os metais, como se chegou ao produto final e que tecnoloxías empregaban na Prehistoria. Segundo aos integrantes da equipa do proxecto, o Centro de Xestión de Coñecemento Arqueolóxico “conta cunhas prácticas instalacións” para realizar a investigación.

Deste xeito, as investigadoras e investigadores adiantaron que a análise das réplicas que se veñen de producir esta semana en Liñares serán analizadas tamén no Pazo, amais de nas propias instalacións do Incipit, empregando aparellos e técnicas como microscopios ou aplicacións de raios X.

CURSOS A Deputación de Pontevedra e o CSIC, a través do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio) teñen en marcha numerosas iniciativas para poñer en valor o Pazo de Liñares. Así, impulsaron a pasada semana o curso O ouro dos castros e en maio haberá outro de Aplicacións de Fluorescencia de Raios X en Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio nas dependencias do pazo lalinense.

Tamén mediante este acordo estanse a investigar as contornas e interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda) e desenvolvéronse conferencias dirixidas á comunidade escolar sobre os castros e os seus habitantes, as paisaxes do pasado ou arqueoloxía sen escavar a terra.

Amais, están previstas xornadas de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares onde, amais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se desenvolven, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados, segundo informou a Deputación provincial.

20 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.