Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A marca de calidade para a especie do xeito prevé tamén a futura comercialización conxelada ou envasada ó vacío // É requisito que sexa certificada pola lonxa local // Rosa Quintana asistiu á exaltación dos produtos de Os Miñarzos TEXTO Suso Souto

Lira presume de reserva mariña e Rianxo do ‘DNI’ para a súa xouba

Á prezada e recoñecida xouba de Rianxo precédea a súa fama nos mercados, pero dende este sábado está amparada por un selo que certifica a súa orixe, frescura e calidade cun rigoroso control de trazabilidade e etiquetaxe dende que sae da ría ata que chega ós mercados: a Marca de Calidade Xouba de Rianxo-Pesca Artesanal Arte do Xeito.

Na presentación da marca participaron o alcalde, Adolfo Muíños; o patrón maior, Miguel Ángel Iglesias; o técnico responsable do proxecto, Juan Gómez; a directora do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo; Rita Pesqueira, membro do equipo de xestión de PescadeRías; e o cociñeiro local Manu Gómez.

Muíños dixo que “o camiño para prestixiar o produto xa está aberto, porque a xouba de Rianxo xa é sinónimo de calidade, traballo artesanal, pesca sustentable e arte centenaria, e o xeito está no ADN dos rianxeiros e rianxeiras. Pero con esta marca vaise defender tamén esta arte de pesca e protexer o produto fronte á fraude de quenes venden como xouba de Rianxo unha especie que, a veces, nin o é nin é desta zona”. “Ademais, estamos decididos a protexer o xeito para que non desapareza, pois xa houbo un intento por parte da UE, e está a ocorrer o mesmo agora co último secadoiro de congro de Muxía”, engadiu.

Pola súa banda, Juan Gómez explicou que se vai facer un exhaustivo control de trazabilidade para a xouba en fresco e para a destinada á industria da conserva. A etiqueta e os envases levan un código QR co que se accede a toda a información, incluíndo a data da captura e o nome da embarcación da que procede.

“Non dicimos que a xouba de Rianxo sexa a mellor do mundo; simplemente queremos diferenciala”, dixo. Ademais, sinalou que a etiqueta ten unha vixencia de 48 horas e que se previu tamén no regulamento de xestión da trazabilidade a comercialización de xouba conxelada ou envasada ó vacío “por se xurde no futuro ese tipo de venda”.

Os principais requisitos para poder estampar a mencionada marca son: que a xouba sexa capturada coa arte do xeito no ámbito da ría de Arousa e que sexa comercializada a través da lonxa de Rianxo.

Rita Pesqueira lembrou que a calidade do produto estrela de Rianxo está certificada agora por tres selos, pois a nova marca súmase ás de PescadeRías e Pesca en Verde ás que xa está adscrita a confraría local. “Poñendo en valor a xouba de Rianto ponse tamén en valor a arte de pesca do xeito”, engadiu Pesqueira.

Na presentación estiveron tamén as deputadas autonómicas Noa Díaz (PSOE) e Rosana Pérez (BNG).

FESTA EN CARNOTA. Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu este sábado en Lira (Carnota) á festa de degustación dos produtos da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, na que se mostra a calidade dos produtos do mar certificados coa marca de calidade PescadeRías.

Esta cita, que se celebrará tamén o seis de agosto, está organizada pola confraría de pescadores de Lira.

Quintana estivo acompañada polos alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e Ames, Blas García; a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo; o patrón maior de Lira, Mariano Lago; e o presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, entre outros.

Nesta cita degustáronse 250 quilos de polbo, 120 de mexillóns, 90 de berberechos, 70 de navallas, 42 de nécoras e 36 de percebes.

delegribeira@elcorreogallego.es

“Imos ser moi rigorosos nos controis da trazabilidade”

O patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, dixo que “a xouba de Rianxo de por si xa ten prestixio; ten caché nos mercados. Pero a Marca de Calidade Xouba de Rianxo vainos permitir diferenciala da do cerco e vaille dar un valor engadido”. “Imos ser moi rigorosos no control da trazabilidade para que non se coe xouba que non sexa de aquí e frear a fraude”, dixo.

Precisamente esta fin de semana celébrase en Rianxo a Festa da Xouba, con degustación popular na carpa da alameda dende o mediodía e showcookings no Liceo a cargo de Miguel Mosteiro (o domingo) e Manu Gómez (o luns).

23 jul 2022 / 17:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.