Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Mozos e maiores implícanse na dinamización do concello a través dos programas que se están levando a cabo coa colaboración da Xunta // A rede de solidariedade está formada por quince persoas que prestan axuda en actividades e servizos TEXTO M. Torres

Lousame pon en valor o papel do voluntariado interxeracional

Lousame puxo de relevo a importancia de que as administracións colaboren para mellorar, desde diferentes ámbitos, a atención e servizos das persoas que máis o necesitan. E todo grazas ao traballo desinteresado dos quince veciños e veciñas que participan nos proxectos de voluntariado que se están levando a cabo no municipio coa colaboración da Xunta de Galicia: Xuventude Activa Lousame 2020 e Voluntariado Sénior Lousame 2021.

Recentemente nun encontro coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a alcaldesa Teresa Villaverde, os participantes dos programas puxeron en común as súas experiencias. Entre a mocidade, Ángel asegurou que empezou co voluntariado porque “o Concello foi a axudar á casa nuns tempos malos e penso que é lóxico axudar a quen nos axudou. Pero tamén é botar unha man nas actividades de Lousame e a min enriqueceume moito”.

Pola súa banda, Marta recoñeceu que “o noso grupo de amigas está agora estudando fóra de Lousame e o voluntariado foi tamén unha forma de coincidir todas xuntas”.

Entre as persoas maiores, Marisa asegurou que está vivindo “a mellor época da miña vida. Atendo á miña casa, teño tempo e encóntrome feliz podendo axudar. Ademais, así estou activa porque a xente maior necesita que os escoites e agradecen moito o que facemos”. Un punto no que coincidiu Paco, quen animou á xente maior do concello “a facerse voluntaria e axudar así a que haxa actividades porque, por exemplo, a casa da cultura ten sempre actividade todas as fins de semana”.

Durante a xuntanza, Villaverde apuntou que “a relación interxeracional é importantísima porque antes si que se intercambiaba saber. Se queremos saber quen somos, temos que saber de onde vimos. E a relación entre maiores e mozos é moi enriquecedora”. Neste sentido, agradeceu á mocidade que “ese tempo que podiades estar facendo deporte ou descansando na casa esteades facendo algo polo voso pobo. Vós contribuídes a facer unha sociedade moito mellor sendo moi xenerosos”.

Pola súa parte, Pichel puxo en valor a posta en marcha de actividades que traballan na mellora da calidade de vida das persoas que viven no rural, ao tempo que potencian o voluntariado e as actividades sociais e culturais para os novos e para os maiores.

Actividades. No caso do voluntariado xuvenil, o obxectivo do proxecto é lograr unha cidadanía participativa, responsable e solidaria, que colabore na detección e solucións ás necesidades sociais do Lousame. Neste programa inclúense catro espazos solidarios onde as persoas implicadas poden desenvolver a súa labor colaborando en actividades relacionadas coa promoción do voluntariado ou a sensibilización sobre a covid. Así como tamén en actividades de lectura nas que ademais se fomenta o emprego da lingua galega.

A xuventude gracias a esta proposta tamén pode axudar nos centros de día, no club de xubilados ou no Punto de Atención Temperá.

Por outra banda, o Voluntariado Sénior Lousame 2021 no que participan persoas maiores de 55 anos, traballa no fomento da participación altruísta de persoas maiores en diferentes actividades para favorecer un envellecemento activo da poboación, como a de sensibilización sobre a violencia de xénero, apoio nas actividades do programa de dinamización de persoas maiores no centro de día, nos talleres de memoria, no Servicio de Axuda no Fogar ou en actividades de acompañamento a persoas maiores.

Mozos e adultos tecen unha impresionante rede de solidariedade que permite axudar á súa contorna.

14 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.