Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lousame rehabilitará a contorna da igrexa de San Xoán e dous lavadoiros

Destinará 596.871 € a cinco proxectos cofinanciados pola Xunta // Melloraranse o alumeado en Aldeagrande, Marracín e Tállara e os accesos ó núcleo de Camboño

O convenio asinado recentemente entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Lousame, polo que a Xunta concede á administración local máis de 237.000 euros en préstamos sen xuros, permitirá executar cinco actuacións no municipio ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Unhas actuacións que suporán un investimento global de 596.871 euros.

Trátase da primeira vez que Lousame se beneficia desta iniciativa, e estes préstamos teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. Eses cartos deberán ser reintegrados polo Concello de Lousame nun prazo de oito anos, sen xuros e sen que esta cifra conte na súa estabilidade orzamentaria.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia sinalando que “estes cartos destinaranse a actuacións moi necesarias e que, doutro xeito, non se poderían facer”.

Por unha banda, vanse destinar 66.334 € a mellorar a contorna da igrexa de San Xoán de Lousame, para dotar á veciñanza dun espazo de lecer. O proxecto prevé a pavimentación de formigón desactivado na praza xerada e mediante lastro de pedra natural no trazado da estrada; a mellora visual dos contedores existentes; a instalación dunha nova marquesiña; e a recollida de augas na vía.

Tamén se pavimentarán os viarios de acceso ao núcleo de Camboño, con abundante tráfico tanto peonil como rodado. Un proxecto orzamento en 210.174 euros, dos que o Concello financiará o 30 % da actuación (63.052 euros) a través do convenio asinado coa citada Consellería.

Tamén se destinarán 37.516 euros ao proxecto de redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público municipal, orzamentado en 250.107 euros e que inclúe actuacións en Aldeagrande, Marracín e Tállara.

A maiores, levaranse a cabo melloras nos lavadoiros de Lesende e Meixonfrío, cun financiamento ao 100 % destas actuacións: 49.545 euros e 20.710 euros, respectivamente. Nos dous casos substituiranse as cubertas por unhas novas, a unha auga, a base de pilares, vigas e correas de aceiro sobre as que se colocará un taboleiro, placas onduladas de fibrocemento e tella cerámica do país.

No caso do lavadoiro de Lesende tamén se pavimentará o espazo lindeiro mediante formigón desactivado. A alcaldesa lembrou que a actuación en Meixonfrío “é especialmente urxente, porque entran humidades que poñen en risco a propia estrutura do lavadoiro e, ademais, porque os veciños e veciñas están facendo tamén un esforzo para rehabilitar as súas vivendas na contorna”.

fondo de cooperación
En 2022 concedéronse 5,4 millóns a 16 concellos

··· A través do Fondo de cooperación para a rehabilitación que se creou fai 6 anos concedéronse, ata 2021, préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións en 23 concellos. Na convocatoria de 2022, suman xa 26 convenios asinados con 16 concellos por unha contía de 5,42 millóns de euros. Por outra banda, cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos. Ademais, a través deste instrumento de financiamento, a Xunta contribúe a facilitar ós concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os donos dos inmobles desatendan as súas obrigas, pois a normativa permite ós municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar ós propietarios o importe das actuacións feitas.

08 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.