Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 08 febrero 2023
11:28
h
FESTAS. Este domingo actuarán no Campo de San Roque os grupos R3sident3s e Boomërs // Música tradicional, obradoiros, espectáculos infantís e degustación de empanadas animarán o sábado 20 a exaltación do popular sombreiro TEXTO S. Souto

Lousame ruxirá co San Rockiño
e Noia volve poñer o Sancosmeiro

A Capela de San Lourenzo e o parque de San Mamede de Lousame acolleron o martes e o mércores a popular Romaría de San Lourenzo. Ademais dos actos litúrxicos no templo, como novidade do festexo estreouse un mercado artesán e de produtos de proximidade.

Ata oito asociacións, comercios e profesionais da artesanía encheron por primeira vez de produtos locais o mercado artesán deste tradicional festexo no que non faltaron os alimentos de proximidade, os produtos de lá ou incluso os cadernos feitos de madeira.

A estes eventos sumáronse os xogos populares para os máis cativos e a polbeira para todas aquelas persoas que quixeron gozar destas xornadas de romaría. As veladas dos dous días estiveron amenizadas polo grupo Son do Pote.

Asimesmo, o campo de San Roque acollerá este domingo 14 de agosto unha cita moi rockeira: o San Rockiño 2022. O evento, presentado pola edil Silvia Agrafojo, contará cos grupos locais Boomërs e R3sident3s. A entrada será libre ata completar o aforo do recinto festivo.

Dende o departamento de Cultura aclaran que o obxectivo deste festival é que a veciñanza coñeza os grupos de música do Concello de Lousame e arredores e que goce coas súas actuacións. “É unha honra tocar neste escenario, e estamos moi agradecidos ao Concello por contar con nós”, comentou Ton Lorenzo, da banda noiesa R3sident3s.

En canto a Boomërs, é unha banda incipiente lousamiá que está a dar os seus primeiros pasos nos escenarios. David, o guitarrista, dixo que está “moi agradecido de que o Concello dedique parte da súa axenda cultural á música. Para min, especialmente, é un orgullo, xa que nacín aquí mesmo e é a miña primeira vez tocando en Lousame”.

E tamén en Noia está xa todo listo para outra das citas festivas máis agardadas do verán: a oitava edición do Pon un Sancosmeiro. O concelleiro de Cultura, José Pérez, presentou este xoves o programa desta cita xunto a Chelo e Marivina, dúas directivas da organización (a asociación Pon un Sancosmeiro, dedicada a poñer en valor a música, a danza, a cultura, o traxe popular e as tradicións de Galicia), e ó artista Eduardo Hermo, autor do cartel deste ano, no que representou ó noiés Felipe de Castro (primeiro escultor do rei Fernando VI) lucindo un Sancosmeiro.

A exaltación do sombreiro tradicional denominado Sancosmeiro terá lugar o vindeiro sábado día 20.

De 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas haberá na Praza do Curro diversos obradoiros, entre eles, de baile tradicional, instrumentos de percusión, sombreiros e bordado de traxes. Ás once e media concentraranse na Praza do Tapal as agrupacións musicais que logo levarán a música polas principais prazas e rúas da vila. Na Praza da Constitución poderanse degustar empanadas.

XOGOS TRADICIONAIS. Os máis pequenos desfrutarán do espectáculo de música tradicional e monicreques da compañía Os Monifates. Pola tarde haberá xogos tradicionais, actuación do grupo Os Melidaos e sorteos de agasallos.

A xornada de exaltación Pon un Sancosmeiro conta coa colaboración do Concello e da asociación Noia Histórica, pero tamén de numerosos establecementos e empresas locais e dos socios e socias da entidade organizadora, que cada ano se implican no deseño das diferentes actividades de ocio.

Este ano tamén os alumnos de varios centros de ensino de Noia quixeron botar unha man elaborando as grilandas que decorarán as rúas nas que terá lugar dita celebración.

delegribeira@elcorreogallego.es

11 ago 2022 / 18:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.