Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Entre as catro opcións posibles, optouse por aproveitar o actual viario cunha mínima intervención // A Xunta non ve necesario o informe de avaliación ambiental por este motivo TEXTO: O.D. Vilar

Luz verde á conexión dun residencial de 200 chalés previsto xunto ás Mimosas

A directora xeral de Calidade Ambiental non considera necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o Plan especial de infraestruturas para reforzo das conexións viarias exteriores do sector de solo urbanizable S-07 Venturiña amesán, a carón das Mimosas. E así o decidiu xa que a ampliación de viarios proposta non prevé “efectos ambientais significativos”. Trátase dun plan parcial presentado na Xunta polo Concello de Ames no 2012 , e no residencial prevese a construción de ata 208 vivendas nunha enorme parcela con 46.596 metros cadrados –como cinco campos de fútbol– de aproveitamente lucrativo.

Deste xeito, dalle luz verde ao proxecto viario que promove Santiago Sur e Roubín para comunicar esa futura zona residencial, aínda que lles pide que inclúan un estudo da paisaxe. O desenvolvemento do sector de solo urbanizable S-07 Venturiña remitiuse con data de 11 de febreiro de 2020 á Consellería de Medio Ambiente, e foi completado en marzo deste ano tras varios requirimentos de emenda da solicitude.

O obxecto pasa por reforzar a conexión viaria exterior do sector de solo urbanizable S-07 Venturiña, previsto no PXOM de Ames, de acordo co disposto na súa ficha urbanística de que a conexión co sistema xeral viario realizarase reforzando a costa dos propietarios do sector a estrada local ata chegar ó enlace cas que conectan ca autovía Santiago-Noia e tamén a N-550.

Entre as alternativas baralladas, o documento ambiental estratéxico abordou tres de conexión do futuro sector S-07 (ademais da alternativa cero: non levar a cabo o plan). A primeira, que foi a elexida, propón adaptar o viario que discorre pola beira leste do corredor VG-1.7, cunha mínima ampliación na parte central que afecta a unha leira baleira, máis ao limiar doutra, de xeito que dirixa eficientemente o tráfico resultante dos futuros inmobles. Pero tamén se pensou nunha alternativa 2, na que se contempla a apertura dun novo tramo viario paralelo á VG-1.7 na súa beira oeste e incluso unha terceira, ampliando a capacidade da estrada que bordea a urbanización das Mimosas, reforzando tamén a conexión con Bertamiráns.

O promotor xustifica a elección da alternativa 1 ao considerar que implica un menor consumo de solo, aproveita a actual estrada que xa funciona como acceso principal á urbanización das Mimosas lindeira (reforzada nos últimos anos tras a construción da VG-1.7), e facilita a posterior execución das obras e a súa xestión, ao afectar unicamente a dúas parcelas de solo de núcleo rural disperso e a ningunha construción, concreta o documento.

O ámbito de actuación centrarase logo no tramo da rede viaria que discorre pola marxe leste da vía de alta capacidade VG-1.7 Pardiñas-As Galanas (N-550), entre os núcleos de Ventín e A Agrela, na parroquia de Biduído, ao sueste do municipio de Ames. E comprende un tramo da traza da antiga estrada provincial CP-0206, a día de hoxe de titularidade municipal, e outro da pista de concentración parcelaria que enlaza coa VG- 1.7 ao norte. Están excluídos do ámbito os enlaces norte da VG-1.7 e sur da CP-0206, xa executados e en servizo, suficientemente dimensionados para o desenvolvemento do sector S-07.

O obxecto final do plan parcial é a creación dun complexo residencial mediante a ordenación da área cunha solución de “cidade xardín de baixa densidade”, de xeito que os espazos libres e as dotacións teñan un emprazamento estratéxico con respecto dos usos residenciais e da contorna, todo elo en base aos parámetros establecidos no PXOM de Ames para este sector.

Estará situada no Monte Venturiña, na parroquia de Biduído. Na actualidade, este sector –de 17,6 hectáreas en total– atópase ocupado por monte baixo con algunhas zonas nas que aparecen pequenas masas forestais mixtas de pino e eucalipto. Tamén constan varios afloramentos de auga, na sua maior parte artificiais, construídos para o abastecemento de vivendas situadas monte abaixo. No entorno, pero a unha distancia suficientemente ampla, discorre o Camiño Portugués antes de facer a súa entrada a Milladoiro. Ten acceso á rede de servizos municipais de saneamento e abastecemento, electricidade e tamén telecomunicacións.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.