Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 28 junio 2022
09:10
h

Luz verde á construción da nova depuradora de Urdilde

Cunha inversión de preto dun millón de euros, foi aprobada por unanimidade do pleno // Tamén solicitarán a axuda para o PAI

A Corporación de Rois acordou por unanimidade dos tres grupos políticos darlle conformidade ao proxecto de obra para a nova depuradora de Urdilde e solicitar unha subvención nominativa á Deputación para rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde para crear un Punto de Atención á Infancia que facilite a conciliación laboral e familiar. Ademais, tamén se aprobou a moción do BNG solicitándolle ao Goberno central e á Xunta pór en marcha medidas para frear a inflación ou mitigar as súas consecuencias na economía.

O proxecto para construír a nova depuradora de Urdilde, que suporá un investimento de arredor dun millón de euros, foi redactado por Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que tamén executará as obras. O convenio fora xa asinado polo alcalde, Ramón Tojo, e a conselleira Ethel Vázquez, o pasado 22 de decembro. Hoxe, por unanimidade, o pleno deulle a súa conformidade ao documento, para continuar cos trámites administrativos e poder iniciar as obras no segundo semestre deste ano.

Tamén por unanimidade se aprobou a proposta do equipo de goberno de solicitarlle á Deputación unha subvención nominativa de 80.000 euros para rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde e crear un Punto de Atención á Infancia (PAI) para nenos de 0 a 3 anos, facilitando así a conciliación familiar e laboral. O proxecto ascende a 102.000 euros, asumindo o Concello máis de 22.000. A petición faise para atender as necesidades da poboación da zona norte e porque as 38 prazas da escola infantil a Galiña Azul de Rois son insuficientes para atender a forte demanda.

Dende a oposición, aínda que votaron a favor, o BNG criticou que o goberno local rebaixe as expectativas en vez de ampliar a Galiña Azul propoña agora construír un PAI e o PSdeG considera que hai falta de compromiso de Política Social para ampliar as prazas da escola infantil. O alcalde, Ramón Tojo, sinalou que o Consorcio Galego de Benestar farase cargo do funcionamento e mantemento do PAI, e que se sigue negociando a construción dunha nova Galiña Azul para que haxa máis prazas.

outras propostas
mitigar a suba do ipc

··· Aprobación. Outro dos puntos no que houbo unanimidade foi na proposta do BNG para solicitarlle ao Goberno central e á Xunta que, para mitigar o impacto do crecmento da inflación, reduzcan o IVE dos produtos básicos e axudas puntuais para o sector primario, así como complementar a Risga ou ampliar a bolsa de vivenda social.

··· Rexeitamento. A proposta socialista para elaborar un catálogo de árbores senlleiros en Rois, que contou co apoio do BNG, foi rexeitada polo equipo de goberno, que argumentou que no colexio de Rois, e coordinado polo exalcalde e profesor xubilado Penas Patiño, xa se tiña elaborada unha relación de árbores senlleiras do municipio.

11 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.