Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Luz verde aos orzamentos da Deputación por 189,2 millóns

Consígnanse case dezanove millóns para mellorar a rede viaria da provincia, e doce e medio para o Plan de Emprego Local

    O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres, cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención de PP e Marea Atlántica, os orzamentos da institución provincial para 2022, que ascenden a 189.235.000 €, un 2,57 % máis que os do presente exercicio.

    Consígnanse 900.000 € para crear unha oficina de apoio aos concellos para a planificación e desenvolvemento de proxectos estratéxicos vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central.

    Ademáis, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa o orzamento inicial un 12 %, ata os 12.575.000 €, reforzando programas como o PEL-Autónomos e o PEL-Pemes, que contarán con 5,5 millóns para apoiar contratacións no sector privado e subvencionar a cota de autónomos.

    O programa de apoio ao emprendemento (PEL-Emprende) contará con 2.760.000 €, dos que 500.000 € serán para unha nova liña de axudas ao sector primario, e o de contratacións nos concellos (PEL-Concellos) contará con 3.295.000 euros.

    O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que desde 2016 o PEL permitiu contratar a 4.013 persoas e concedeu 12.848 axudas a autónomos, pemes e emprendedores cun investimento de 65,3 millóns de euros en 5 anos.

    Tamén contribuirá á reactivación económica o Plan Único, que en 2022 parte cun orzamento inicial de 45,9 millóns para financiar obras e servizos nos 93 concellos coruñeses. Unha cantidade que se irá incrementando coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio.

    “O Plan Único transferiu este ano 90 millóns aos concellos coruñeses e financiou máis de 2.700 obras desde a súa creación, polo que está sendo xa un elemento determinante na reactivación económica da provincia, impulsando a creación de actividade económica e emprego, ao mesmo tempo que mellora as infraestruturas e servizos dos municipios”, dixo Formoso.

    O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou a “dimensión social” dos orzamentos, cunha consignación de 21,2 millóns na área de Benestar Social que inclúe programas como o de Servizos Sociais Comunitarios, que incrementa de novo a súa partida nun 2,5 % ata os 8,3 millóns, o que permitirá contratar uns 180 profesionais dos servizos sociais e financiar máis de 370.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (77.000 máis).

    O POS+2022 contará cun Fondo Social de 7 millóns de euros que os concellos deberán investir exclusivamente en fins sociais, como o financiamento dos servizos de atención a maiores e dependentes, axudas de emerxencia social, apoio a colectivos vulnerables, axudas para escolarización, etc. Increméntase tamén ata os 3.192.000 euros (un 5 % máis) a partida de subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro.

    A Deputación mantén unha partida de 720.000 euros para financiar o servizo de Teleasistencia, do que xa se benefician 2.903 persoas maiores nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e incrementa nun 31 % o orzamento para políticas de igualdade de xénero, con 1.370.000 €, cos que se financian cuestións como a Rede de Casas de Acollida (A Coruña, Ferrol e Culleredo) ou pisos tutelados para mulleres vítimas de violencia machista.

    O orzamento da área de Vías e Obras increméntase un 2,57 % ata os 18.981.767 €, cos que se financiarán obras e melloras nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. Medra tamén o investimento en Cultura (9.788.900 €) e Deporte (5.224.050 €) cos que financiará programas como a Rede Cultural. As bolsas para estudos de investigación e artísticas, que se incrementaron un 30 % en 2021, manteñen 479.500 € para o ano 2022.

    No eido do Deporte destínase un millón de euros para financiar a contratación de técnicos deportivos, 3.006.450 € para subvencións a clubs e entidades e 600.000 para melloras en instalacións deportivas.

    En Turismo (4.993.000 €) hai 650.000 € para mellora da calidade e competitividade turística. Na área de Promoción Económica (8.347.024 €) destacan os 4.302.024 € para o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento para financiar (ao 50 % coa Xunta) o funcionamento dos dez parques comarcais de bombeiros, e resérvanse 571.761 € para a comarcalización do parque de Santiago.

    Haberá achegas para confrarías (473.000 €), fomento do sector agrícola e gandeiro (613.000 €) e contratación de socorristas (306.000 €), e outros 900.000 € para o programa de limpeza de praias.

    27 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.