Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Servizos. A Deputación financiará 200.000 horas de atención nos municipios de Costa da Morte, Bergantiños, Barbanza e a contorna de Compostela // Recibirán 4,3 dos oito millóns de euros que investirá o ente provincial TEXTO Manuel Lavandeira

Máis de cen profesionais para prestar axuda no fogar en Área

A Deputación da Coruña adicará 8,3 millóns de euros para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social e un total de 386.823 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, das cales 200.000 corresponderán a usuarios e usuarios de concellos do ámbito de Área de Compostela.

Nos municipios das comarcas de Bergatiños e Costa da Morte, a Deputación financiará este ano, cun investimento de preto de 1,7 millóns de euros, a contratación de 35 profesionais e un total de 79.802 horas de de axuda no fogar, “un servizo imprescidible para a atención de maiores e dependentes, especialmente nos concellos rurais, que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia”, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Nestas comarcas, A Laracha (239,000 €), Malpica de Bergantiños (193.552 €) e Vimianzo (178.000 €) son os concellos que recibirán unha maior aportación e os que máis horas de servizo prestarán co apoio da Deputación coruñesa.

Pola súa banda, en Barbanza o investimento será de 1.035.679 euros e neste caso contrataranse 21 profesionais e cubriranse un total de 50.873 horas de servizo. Rianxo (150.600 €) e Boiro (124.000 €) son os dous concellos que recibirán as maiores aportacións económicas, seguidos de Noia (114.965 €), Mazaricos (112.000 €), Porto do Son (100.280 €), Carnota (99.472 €), Lousame (77.000 €), Muros (74.476 €) e A Pobra do Caramiñal (70.886 €).

Na comarca de Santiago a administración provincial investirá máis de 1,8 millóns de euros e contrataranse 45 profesionais para dar unha cobertura de 82.509 horas. Os concellos cun maior investimento serán Padrón (146.268 €), Melide (131.716 €), Rois (129.560 €), Oroso (118.000 €), Teo (114.160 €) e Negreira (112.300 euros).

MÁIS HORAS. “Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar todos os programas de protección social, tanto os da Deputación como os que dan apoio aos municipios da provincia”, afirmou o presidente do ente provincial, quen destacou que “a Deputación financia hoxe na provincia 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar que hai dous anos”.

Formoso subliñou o gran esforzo que teñen que facer os pequenos municipios para poder contar cunha plantilla de profesionais especialistas no eido social. “Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio”, incidiu.

carga de TRABALLO. “Os profesionais que a Deputación axuda a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difícís, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes”, explicou González Formoso, que destacou que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo do seus servizos sociais nos últimos dous anos debido á pandemia e á situación socioeconómica actual.

O protagonista
“Aténdese a cidadáns con problemas de índole social”
Valentín González
Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente asegura que estes profesionais atenden cada día a milleiros de cidadáns con problemas de índole social, “que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade”. O orzamento de Servizos Sociais Comunitarios aumentou durante o seu mandato de 4 a 8,3 millóns de euros.

{ Pasaba por aquí }
Coidando
da xente
Manuel Lavandeira

nunha sociedade cada vez máis envellecida, os servizos sociais constitúen un pilar fundamental para poder garantir o benestar social de todos os colectivos. É por iso que as administracións teñen que dar a resposta axeitada a unha demanda crecente. Precisamos non só dunha sanidade de calidade, senón tamén dunha atención axeitada nos fogares. Certo é que este tipo de asistencia figura nas partidas de gastos, pero debemos contemplalo como un investimente en benestar social, algo que debe ser prioritario á hora de planificar as actuacións e de distribuir os orzamentos públicos. Hai que subliñar ademais que os servizos sociais constitúen un sector que está a xerar emprego e axudando a fixar poboación no medio rural.

25 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.