Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Verán. Este mércores rematan as actividades organizadas pola Xunta // Ademais de fomentar a convivencia, permitiron aos participantes aprender sobre o medio ambiente, o patrimonio e as novas tecnoloxías, entre outras ramas TEXTO M. Lavandeira

Máis de dez mil nenos e mozos formáronse en campamentos este verán

Os campamentos da Xunta de Galicia rematan este mércores cunha participación de récord, ao superarse as dez mil oitocentas prazas en actividades de verán como campamentos, campos de voluntariado e os minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou este martes o campo de voluntariado. Alí, xaz, que se está a celebrar en Ponteceso e que tamén se enmarca dentro da campaña de verán deste ano. Nel participan mozos e mozas de entre dezaoito e trinta anos que están a realizar actividades de coidado ambiental e cultural.

Este campo de voluntariado tivo como obxectivos fomentar as investigacións e a sinalización de elementos etnográficos da aldea do Couto, a colaboración en actividades do programa cultural Encrucilladas, da Fundación Eduardo Pondal, e a recopilación de elementos orais entre outras actividades. Ademais, os participantes tamén asistiron a obradoiros de instrumentos musicais, desfrutaron de rutas pola Costa da Morte, e visitaron a fervenza do Ézaro e o castelo de Vimianzo. Xogos e veladas complementaron as actividades, ao tempo que colaboraron na organización e gozaron das actividades do Festiletras.

Non foi o único campamento que se desenvolveu en Ponteceso este verán, xa que o municipio acolleu outros dous, segundo indicou o alcalde, Lois García.

Nenas e nenos procedentes de tres provincias galegas viaxaron a Ponteceso atraídos pola robótica e o programa cultural que se desenvolveu no Campamento Infantil e Xuvenil Isidro Parga Pondal. Durante a súa estancia aprenderon as claves da robótica, iniciáronse na programación, na domótica e no Scratch, e mesmo construíron un podómetro.

Xeoloxía, bioloxía, enxeñería, electrónica e robótica deixáronlles tamén tempo para realizar visitas polo patrimonio local, e desfrutar de xogos no municipio pontecesán.

Outro grupo de nenos e nenas participaron nun campamento de creación artística no que aprenderon a desenvolver capacidades creativas relacionadas co ámbito artístico, como música, cine, literatura e pintura. Tamén se desenvolveu na aldea do Couto baixo a dirección de Rafael Quintia Pereira.

O rexedor pontecesán agradece á Consellería de Política social “a posibilidade de desenvolver estes proxectos” no seu municipio.

Na comarca de Bergantiños, o Concello da Laracha acolleu tamén este verán un campo de voluntariado no que se está poñendo en valor o castro de Montesclaros. Doce mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de diferentes países e distintas localidades de Galicia e España, participan en traballos arqueolóxicos de delimitación e limpeza do xacemento e a súa contorna.

Unha iniciativa que permite aos participante descubrir diferentes tipos de culturas, costumes e modos de vida, xa que se achegan á cultura castrexa e a forma de vida celtíbera destacando o seu compoñente social. Ademais, os participantes están realizando actividades complementarias de aventura, talleres medio ambientais e de debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, sendeirismo e visitas culturais pola zona.

Durante a súa visita ao albergue xuvenil de Bergondo puido coñecer aos participantes dos tres campamentos relacionados co mundo tecnolóxico.

A protagonista
“Este ano a participación foi de récord”
Cristina Pichel
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, tamén visitou aos mozos que participan nos campamentos de verán que están tendo lugar estes días no albergue xuvenil de Gandarío. Alí subliñou que as actividades postas en marcha este ano polo Goberno galego “contaron cunha participación récord”, xa que se superaron as 10.800 prazas en toda Galicia.

{ Pasaba por aquí }
Ocio e cultura
Manuel Lavandeira

O VERÁN É para desfrutar, pero tamén é unha oportunidade para aprender e coñecer outras xentes e culturas. Ese é un dos obxectivos dos campamentos que promove a Xunta, que este ano permitieron a máis de dez mil nenos, nenas, mozos e mozas gozar de intensas aventuras e adentrarse en novos campos da ciencia e da cultura. Sen dúbida, unha boa forma de aproveitar o tempo de vacacións e de estreitar lazos con residentes noutros puntos de España e do extranxeiro. Ademais, o seu labor nestes campamentos permite poñer en valor elementos patrimoniais, festivais e outros recursos dos municipios nos que se desenvolven. O vindeiro ano chegarán novas oportunidades e tamén novos compañeiros de aprendizaxe e aventura.

07 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.