Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis espazo e benestar para os usuarios do centro de día de Cabana

BERGANTIÑOS. As obras de ampliación do centro de día para persoas maiores de Cabana de Bergantiños quedarán rematadas o vindeiro ano. Así o confirmou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante a súa visita ao inmoble, acompañado do alcalde, José Muíño. A Consellería de Política Social financia con 200.000 € esta actuación, a través dun convenio de colaboración entre o Consorcio e o Concello, que aporta o 40 %. A ampliación desenvólvese nunha parcela anexa que no seu día adquiriu a Administración local, que tamén é a responsable da contratación e execución dos traballos.

Perfecto Rodríguez explicou que con esta intervención os usuarios do centro “terán máis comodidades e desfrutarán dun maior benestar ao dispoñer de máis espazo para o desenvolvemento de actividades, o que redundará na calidade asistencial”. Así mesmo, con esta ampliación ábrese a posibilidade de aumentar o número de usuarios no caso de que exista demanda. Na actualidade, o centro de día de Cabana conta con 34 prazas dispoñibles e fan uso diario deste servizo unha vintena de persoas maiores.

A proposta do Concello contempla un incremento da superficie útil da infraestrutura, ao pasar de 135 a 335 metros cadrados unha vez rematada a ampliación. A nova distribución será de planta baixa, primeira e segunda; e serán accesibles para os usuarios en cadeiras de rodas. A planta primeira destinarase a centro de día e contará tamén cun espazo exterior para o desfrute dos seus usuarios. O resto de plantas albergarán outros usos sociais do Concello.

O centro de día de Cabana de Bergantiños, como todos os que forman parte da rede pública da Xunta que xestiona o Consorcio, ofrece unha atención terapéutica integral, co fin de promover tanto a autonomía persoal como o envellecemento activo e saudable dos maiores que acoden ao mesmo. Para conseguir este obxectivo, este servizo de atención diúrna conta con profesionais que planifican e levan a cabo diferentes actividades, obradoiros e terapias, segundo as necesidades dos usuarios.

17 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.