Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Humanización. Ampliáronse as beirarrúas, correxíronse pendentes e colocáronse pavimentos antiesvarantes // As actuacións centráronse na contorna do campo da feira // Xunta e Concello investiron máis de 130.000 euros TEXTO Manuel Lavandeira

Máis espazo e seguridade para os peóns no centro urbano de Paiosaco

A Xunta de Galicia e o Concello da Laracha investiron máis de 130.000 euros na mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco. O proxecto, que foi financiado nun 70 % por parte do Goberno galego e nun 30 % polo concello, consistiu na mellora das beirarrúas coa ampliación da anchura, a corrección de pendentes, a adaptación de arquetas e utilización de pavimentos pétreos antiesvarantes.

Tamén se actuou na calzada coa renovación das sinalizacións horizontais e verticais e a substitución da capa de rodadura. A maiores, instalouse novo mobiliario (bancos, xardinería e papeleiras) e actuouse na rede de augas pluviais.

A obra levouse a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, supervisou este mércores ás actuacións realizadas, na compaña do alcalde da Laracha, José Manuel López, e o tentente de alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, entre outros representantes locais.

Vázquez indicou que dende a posta en marcha do plan Hurbe mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

De feito, só na provincia da Coruña foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 96 actuacións, incluída a que se acometou no concello da Laracha. Cómpre lembrar que este municipio xa levou a cabo a mellora da accesibilidade nas beirarrúas de varias rúas da localidade ao abeiro desta orde de axudas no ano 2017. En total, segundo lembrou a conselleira Ángeles Vázquez, no muncipio larachés invertíronse nos últimos anos máis de 283.000 euros, “e iso supón un invertimento de preto de 25 euros por habitante”.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Por outra banda, o Concello da Laracha ten en marcha un proxecto de mellora da rede viaria que afecta a varios puntos da parroquia de Soandres. En todas as intervencións inclúese a renovación da capa de rodadura e o incremento da seguridade viaria coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

Ademais, en determinados puntos da rede viaria tamén se acometen outras intervencións complementarias relacionadas co acondicionamento de sobreanchos e a mellora das cunetas e da rede de recollida de pluviais segundo as necesidades que presentan cada un dos tramos afectados.

As obras previstas xa están concluídas en estradas dos núcleos de Boimir, O Priorato e A Abelleira. Outros puntos de intervención nos que están a punto de rematar os traballos son Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga. O investimento total sitúase en torno aos 120.000 €, segundo fontes locais.

A protagonista
“Pobos máis adaptados
e fermosos”
Ángeles Vázquez
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio
e Vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que actuacións como as acometidas na Laracha e no resto de concellos ao abeiro do plan Hurbe son un “xeito máis humano de entender as novas vilas e pobos”. A intención da Xunta de Galicia, engadiu, é continuar nesta liña da man dos concellos,“porque son os primeiros que detectan as carencias nas súas vilas, e temos que facer pobos máis fermosos, pero tamén máis adaptados e seguros”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Vilas máis amables
Manuel Lavandeira

Dun tempo a esta parte está cambiando a mentalidade das administracións, e tamén da cidadanía, para facer das nosas vilas e cidades uns espazos máis amables, nos que as persoas sexan as principais protagonistas. Esto favorece novos proxectos de humanización dos espazos públicos, como as rúas, onde os peóns gañan protagonismo en detrimento dos automóbiles. Unha aposta que contribúe ademais a reforzar a seguridade e tamén fomenta hábitos de mobilidade máis saudables e sostibles. Só cabe agardar que esta aposta se consolide e que, paso a paso, as áreas urbanas se vaian transformando no que sempre deberon ser: espazos para vivir e desfrutar con seguridade e máis respectuosos co medioambiente, que é de todos.

01 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.