Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis financiamento para o novo servizo municipal de emerxencias de Noia

A Xunta proporá ás deputacións e á Fegamp equiparalo ós dos GES // Tamén planteará aumentar persoal e actualizar salarios

A Xunta proporá este mércores na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) aumentar o financiamento dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia, isto é, o de Noia creado este ano, xunto cos de Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra e o de Terras de Celanova, en Ourense, para equiparalos aos dos GES.

Segundo avanzaron dende a Administración autonómico, na reunión, na que tamén están representadas as deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Xunta tamén planteará aumentar o persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros.

Esta medida aplicaríase nos servizos de Mos/Redondela, Lalín e A Estrada, en Pontevedra; nos de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia, e Avión, en Ourense; e nos de Quiroga e Folgoso do Courel, en Lugo, polo que en total os novos membros na comunidade serían 48 equivalentes a 4 GES completos.

Por outra parte, tamén informaron de que se prevé actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos grupos na actualidade, tendo en conta o aumento desde que se asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013.

Estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Executivo galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Así, o incremento económico sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5, mentres que entre as deputacións terían que destinar 1,1 millóns- o 40 %- e entre os concellos sede 220.875 euros por ano, o 7,5 % restante.

Deste xeito, con esta proposta da Xunta de Galicia, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio no Grove. Os grupos estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

O grupo noiés reforzou a seguridad e mellorou a eficacia

Noia. A posta en funcionamento este ano do servizo municipal de emerxencias de Noia para atender as incidencias tanto na localidade noiesa como en Porto do Son e Lousame contribúe a reducir os tempos de resposta na zona e a mellorar a cobertura cunha intervención máis áxil e eficiente.

Segundo manifestaron desde o Goberno galego, a posta en marcha deste servizo permitiu mellorar a cobertura das incidencias nos citados municipios, xa que ata o de agora o concello noiés estaba cuberto polo GES de Brión. Ademais, dá cobertura a Porto do Son, que non se atopaba no ámbito de ningún grupo, e liberouse a atención do GES brionés, que abarca unha poboación atendida por encima da media.

Así mesmo, outro dos beneficiarios da creación deste servizo é o concello de Outes, xa que pode ser mobilizado cando sexan o medio máis próximo á emerxencia ou para calquera outro municipio no caso de activación dun plan autonómico de Protección Civil.

Lembrar que a creación deste grupo aprobouse este ano na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que integran a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), xunto con outros cinco GES na Comunidade galega: 2 en Ourense, con sedes na Veiga e Maceda, e 3 na provincia de Pontevedra, con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios.

Con esta nova proposta, a Xunta reafirma o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES. Neste sentido, resaltar que o Executivo autonómico destinou nos últimos anos 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos, como é o caso de Noia.

20 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.