Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis gasto pola falta de apoio ós orzamentos de Son de Teo

Haberá novo pleno vinculado á cuestión de confianza // O BNG dixo si a unhas partidas que non lle agradan “polo ben” do pobo

A teima do partido Son de Teo por intentar manterse no poder con 4 de 17 votos non só propiciou que non se aprobasen os orzamentos de 2022 por 17,1 millóns, senón que o rexedor vai ter que convocar unha nova sesión para tentar ratificalos pola porta de atrás (vinculando os mesmos a unha moción de confianza). E o peor de todo, aparte de que os outros trece edís coinciden en calificar de malas as contas, é a perda de cartos, xa que un novo plenario local implica pagarlle 129 euros a cada un dos edís sen dedicación.

Así o decidía o mandatario local, anunciando que “previsiblemente” esa sesión vai ser o vindeiro martes. E, por suposto, as valoracións non tardaron en chegar. A primeira foi a do BNG, paradoxicamente o partido que baleirou Anova –sen deixar as actas acadadas nas filas nacionalistas, madia leva– ata case deixalo sen representación. Pois ben, as dúas concelleiras que lle quedan ao Bloque optaron por apoiar as partidas... aínda que despois de clarexar que “non son os orzamentos que nos gustarían”. Pero o seu apoio, “por responsabilidade e polo ben da veciñanza que está a padecer as consecuencias dun goberno débil e inestable”, non foi dabondo.

Neste punto, dende o grupo popular, que ten sete concelleiros, deixaban clara a súa “vergoña allea” polo “vodevil” protagonizado polo alcalde, PSOE e Bloque. Así, revelan que o BNG “cambiou o sentido do voto anunciado para tentar salvar os orzamentos”, mentras que o PSOE “fixo o propio instantes antes para que puidera saír adiante unha proposta da alcaldía de modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana”. As súas sospeitas pasan porque non se contaba con que o partido maioritario rexeitara a proposta do rexedor.

Para os de José Manuel Guerra isto é só unha mostra do “desbaraxuste no que viven instaladas permanentemente” as outras formacións da oposición local. E pensan así porque eses outros grupos, “a pesar de admitir que as iniciativas da alcaldía son prexudiciais para os teenses, terminan apoiando por motivos estritamente políticos”.

POBO. Ademais, o razoamento das nacionalistas semella darlles a razón, xa que a súa nova edil, Patricia Castelao, deixa caer na valoración do pleno que non apoiarán ningún intento “a curto prazo” de iniciativas dirixidas a unha moción de censura, “porque estamos certas de que a alternativa será aínda peor, tal e como se demostrou”, anunciando que estarán con eses catro munícipes no poder respaldando “as accións de goberno encamiñadas a reclamar melloras para o Concello como estamos facendo co sistema sanitario ou de transporte”. E tamén que se reunirán “as veces que faga falta para chegar a acordos”... polo ben do pobo.

Para Guerra, toda esta situación resultaría “cómica se non fora porque se trata nada menos que dalgo tan importante como os orzamentos dos teenses”. “Achámonos perante uns malos orzamentos, infladísimos segundo os propios informes técnicos, faltos de futuro e de ambición”, dixo, e semellantes ao do recente bipartito. O PSOE aínda non valorou o tema.

25 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.