Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis seguridade para condutores e peóns na estrada de Quenxe ao faro de Cee

CORCUBIÓN. A Deputación da Coruña vén de executar a ampliación e mellora do trazado para a construción dunha senda peonil na estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, que permite unir a zona urbana de Quenxe co faro de Cee, un percorrido de case 6 quilómetros. O presidente provincial, Valentín González, supervisou, xunto co alcalde, Manuel Insua; o deputado e rexedor de Dumbría, José Manuel Pequeño; e varios membros da corporación local, o remate das obras, que permitiron configurar un gran itinerario peonil, que foi un dos maiores investimentos da área de Vías e Obras da Deputación realizado en Corcubión e na Costa da Morte: 1.145.224 €.

Segundo sinalou González Formoso, “cumprimos deste xeito a nosa promesa coa Costa da Morte, a través da mellora da seguridade no acceso a un lugar tan importante para o Concello de Corcubión, xa que o faro é un dos lugares máis visitados durante o ano”.Pasamos, engadiu, de ter unha estrada que tiña 4,5 metros de ancho a ter unha con 10 metros de plataforma, espazo onde agora mesmo incluso poden coincidir dous autobuses circulando simultaneamente, "o que significa que a xente pode circular tranquilamente e, deste xeito, gozar dun lugar cun gran valor patrimonial e paisaxístico”.

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, resaltou que se trata “dun investimento moi importante para Corcubión, creando unha infraestrutura de calidade que rematará con todas as críticas sobre o vial, deixando unha estrada con todas as garantías de seguridade para poder circular por ela”. Explicou que “estamos a falar dunha zona moi transitada pola veciñanza do municipio, e mesmo da comarca, que coa creación da nova senda peonil vai permitir a todas as persoas transitar por ela sen ningún tipo de preocupación”.

Ampliación da vía e construción da senda

As obras consistiron na construción dunha senda peonil e a ampliación e mellora do trazado da estrada DP-2801 (de Corcubión a San Roque por Redonda) nun tramo dunha lonxitude aproximada de 1,77 quilómetros, entre a intersección da vía provincial e a pista que se dirixe ao lugar da Oliveira, e a intersección co ramal ao faro de Cabo de Cee.

Coas actuación dotouse á plataforma da estrada provincial dunha anchura de 10 metros, fronte aos 4,5 existentes orixinalmente; contando con dous carrís de circulación de 3,25 metros de ancho, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil a nivel da estrada de 2,5 metros de ancho. A intervención prolóngase polo ramal de acceso ao faro do Cabo de Cee, conseguindo unha plataforma de 9 metros de ancho, fronte aos 4 orixinais, composta por dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de igual tipoloxía e localización que é contigua á da calzada da estrada DP-2801, pero cunha anchura de 2 metros.

Deste xeito conséguese dotar a ambos os tramos de estrada dun itinerario peonil continuo nunha lonxitude de máis de dous quilómetros, coa consecuente mellora da seguridade viaria nun tramo de estrada que conta cun frecuente tránsito peonil.

Por outra banda, colocáronse cuñas de aceleración e deceleración e un carril central de incorporación na intersección entre a estrada DP-2801 e o ramal de acceso ao faro de Cabo de Cee. A actuación completouse coa reposición das obras de drenaxe transversal existentes, dotándoas dunha sección acorde á tipoloxía da estrada, e a execución da drenaxe lonxitudinal mediante a disposición de cuneta revestida de formigón en masa sobre tubo dren, ao longo da marxe dereita da estrada.

Apoio provincial para o desenvolvemento de O desembarco

Durante a visita, o dirixente provincial comprometeu tamén o apoio económico da Deputación para desenvolver a representación e loita mantida polas tropas do arcebispo Rodrigo de Luna e os cabaleiros dos Condes de Altamira en Corcubión no ano 1.457, máis coñecida como O desembarco.

Formoso destacou a importancia da recreación histórica deste fito, e quixo subliñar “a importancia deste evento para o municipio de Corcubión, que sen dúbida supón unha importante inxección económica para toda a comarca”.

A festa, que se celebra desde hai xa 21 anos, pretende a declaración como Festa de Interese Turístico Galego.

24 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.