Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Exposición. Dende a AECC están a divulgar o labor de investigación feito dende a súa fundación // O obxectivo é acadar en 2030 o 70 % de supervivencia // Tinguen de cor verde as fachadas de varios municipios da Costa da Morte TEXTO M. Lavandeira

Malpica amosa en fotos medio século de loita contra o cancro

O Concello de Malpica é un dos municipios que máis se envorca coa Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC), fomentando diversas iniciativas para colaborar na investigación para afrontar esta enfermidade. Este ano acolle ademais a exposición fotográfica 50 anos cambiando a historia do cancro. Unha mostra que se pode visitar no Centro Cívico e Cultural, a través da cal é posible coñecer o labor de investigación que o colectivo desenvolveu no último medio século, a través da Fundación Científica AECC para mellorar a calidade de vida dos doentes e co obxectivo de acadar o setenta por cento de supervivencia no ano 2030.

O acto inaugural estivo presidido polo alcalde, Eduardo Parga, e ao mesmo sumáronse concelleiros de todos os grupos políticos con representación na Corporación local, así como a presidenta da agrupación local da AECC, Carmen Teresa Blanco, quen subliñou que todos os cartos “que xuntamos coas distintas accións que levamos a cabo ao longo do ano, así como as ceas que organizamos, van para a investigación, que é unha das cousas máis importantes dun país”.

Pola súa banda, o rexedor agradeceu á asociación o “traballo” que está a facer polo “pobo de Malpica”. “Hai anos había medo a falar desta enfermidade que, en cambio, agora, está máis normalizada, con certos tipos de cancro que son máis curables. Isto é grazas ós investigadores e ás investigadoras, coa gran labor diaria que fan, e grazas a vós tamén, mesmo con eventos puntuais como as ceas, que ogallá pronto a situación sanitaria o permita e as poidamos recuperar para recadar un diñeiro cunha finalidade social importantísima”, engadiu Parga.

A mostra fotográfica permanecerá aberta ao público ata o 18 de febreiro. Ademais, a xunta local da AECC en Malpica ten preparada unha xuntanza coa doutora Estíbaliz Díaz Balboa, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario. Será o día 12 de febreiro, ás 18.00 horas, no Centro Comarcal de Buño.

Todos os asistentes ao acto inaugural desprazáronse, despois á casa consistorial, a cal, con motivo do 4 de febreiro, iluminouse de verde e amosou unha gran pancarta para visibilizar esta loita e apoiar ás persoas que están a sofrir a enfermidade.

Ademais de Malpica, outros concellos como os de Carballo, Coristanco, A Laracha e Vimianzo tamén iluminaron de cor verde as fachadas dos seus respectivos concellos. Asemade, a agrupación local da AECC instalou un punto informativo diante da casa consistorial de Coristanco e outro no mercado municipal carballés para informar á veciñanza, e sumar apoios á campaña que está a desenvolver para acabar coas desigualdades na loita contra o cancro.

INFORME. Unhas desigualdes que aparecen recollidas no informe Impacto del cáncer en España. Inequidad y determinantes sociales elaborado polo Observatorio da Asociación Española Contra el Cáncer. Así, sinalan que “dependendo de onde vivas, varía moito o acceso a un programa de cribado colorrectar, e só a metade das comunidades autónomas teñen regulacións sobre espazos sen fume. Case o 43 % dos menores de doce anos están expostos ao fume do tabaco en espazos públicos”. Outro dato que subliñan dende o referido colectivo é que “máis do 90 % das autonomías non dispoñen de atención psicolóxica especializada ou é insuficiente”.

05 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.