Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Malpica disporá dun novo centro de saúde e terá un médico máis en setembro

O futuro consultorio duplicará a superficie do actual // Tamén está previsto construír outros en Noia, Ribeira, O Son e Fisterra

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinaron este venres un protocolo de colaboración para a cesión dos terreos para a construción dun novo centro de saúde na localidade.

Con este compromiso asinado, o Concello xa pode comezar cos trámites urbanísticos e expropiatorios necesarios para ceder unha parcela de aproximadamente 1.800 metros cadrados, o que permitirá á Xunta edificar un centro de saúde de preto de 1.000 metros cadrados en planta baixa, co que duplicaría os 500 metros cos que conta a instalación actual.

O novo centro de saúde permitirá habilitar unha sala de toma de mostras, unha sala de urxencia, unha de técnicas separadas e outra de espera aparte. Vaise ampliar tamén a área pediátrica e manter a consulta de pediatría, pero haberá tamén outra consulta para enfermería pediátrica, unha sala de espera específica e uns aseos diferenciados para esta zona.

Para os profesionais tamén haberá melloras importantes nas súas instalacións propias, xa que por primeira vez poderán ter unha sala de estar, uns vestiarios ou un despacho de coordinación.

A maiores, Malpica contará cun novo facultativo especialista en atención primaria con praza fixa desde setembro. A Xunta vén de convocar 106 prazas para facultativos especialistas en atención primaria que se van a cubrir mediante concurso de méritos, para incentivar aos residentes que rematan a quedarse na atención primaria cun posto absolutamente estable, en propiedade. E unha desas prazas vai ser para o centro de saúde malpicán, segundo confirmou o conselleiro.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla a construción de dez novos centros de saúde, entres eles os de Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, e Malpica.

AMPLIACIÓNS. Ademais, segundo informam dende a Consellería de Sanidade o plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros cinco centro sanitario, entre eles o de Carballo, que se converterá en Centro Integral de Saúde, e tamén o de Vimianzo.

02 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.