Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Malpica e Fisterra acollen as primeiras probas do campionato Rimartes de fotografía submarina en pecios

Malpica. As últimas tres fins de semana de maio (14-15, 21 e 28) o territorio do proxecto Rimartes acolle o I Campionato de Fotografía Submarina en Pecios para continuar coas accións de promoción do patrimonio subacuático e do mergullo recreativo. O concurso conta co patrocinio da Deputación da Coruña, dos Concellos de Malpica, Fisterra e Porto do Son e co respaldo técnico da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas).

É un concurso aberto á participación de mergulladores en posesión da correspondente licenza e permisos para a práctica de mergullo autónomo, así como do seguro federativo en vigor. As inmersións realizaranse a través dos 6 centros de mergullo colaboradores de Rimarte: Buceo Galicia, Deepteam Coruña, Nauga, Buceo Malpica, Buceo Finisterre e Mergullo Compostela.

A primeira proba terá lugar en Malpica o sábado 14 de maio e a segunda será ao día seguinte (domingo 15) no porto de Fisterra. A terceira cita será o sábado 21 en Porto do Son e a cuarta e última, na Mariña deportiva da Coruña. Todas elas comenzarán a partir das 9.00 horas, segundo a organización.

As inscricións son gratuítas e realizánse a través da Fegas nos correos electrónicos imagen@fegas.net e fegas@fegas.net ata unha semana antes de cada proba. Os participantes só deberán abonar a saída e aqueles gastos derivados da inmersión ao centro de mergullo anfitrión e poderán participar en cada unha das catro saídas de mergullo.

Cada fotógrafo poderá presentar ata tres imaxes nas categorías Angular de pecio con mergullador (Apb), Angular de pecio sen mergullador (Aps) e Close up de pecio (Cup) que optarán a un dos seis premios. En concreto, primeiro, segundo e terceiro clasificado e un galardón para a mellor foto de cada territorio GALP (Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte e Costa Sostible).

As imaxes do concurso incorporaranse a unha exposición fotográfica itinerante organizada por Rimartes para a posta en valor do patrimonio subacuático, a promoción do deporte do mergullo e dar a coñecer o territorio dos tres GALP promotores deste proxecto de turismo sostible.

Potencial turístico

Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos do Atlántico europeo. Coñecedores deste potencial, desde os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur puxeron en marcha o proxecto colaborativo Rimartes. Riquezas do mar, tesouros do profundo para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios apostando por un sector con gran perspectiva como é o turismo experiencial e o buceo recreativo para todos os niveis, desde o snorkel ata o de máis dificultade en profundidades que chegan aos 40 metros.

Entre os tres GALP xuntos abarcan uns 300 kilómetros de costa e 25 concellos costeiros como son Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.

07 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.