Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Manoele de Felisa e Queiman e Pousa actuarán no Pino

O 31 celebrarase o Festival Folk, un evento para o que xa se poden reservar as entradas

Os veciños e veciñas do Pino están de celebración este mes. E é que o 31 chega o Festival Folk O Pino 2021; un evento que chega despois de que o Concello decidise suspender por segundo ano consecutivo, e por motivos de seguridade, a celebración da Festa do Galo Piñeiro ao xeito tradicional. Adaptándose ás restricións e aos protocolos sanitarios vixentes, substitúe así o xantar popular, os certames e os actos que se viñan celebrando habitualmente por este festexo.

O primeiro dos espectáculos programados no Festival Folk O Pino 2021 é Cancioneiro no Camiño, de Manoele de Felisa Grupo. Trátase dun percorrido teatralizado por 18 cancións tradicionais e de autoría propia de Manoele de Felisa no que se repasan historias acontecidas nos Camiños dende a chegada do Apóstolo a Galicia ata hoxe. A actuación iniciarase ás 20.00 horas.

Música folk, danza e efectos especiais poranlle a partir das 22.30 o colofón ao festival coa actuación de Queiman e Pousa, que estrearán no Pino o seu espectáculo Queiman e Folki. Nel ensalzan a nosa terra galega homenaxeando as súas xentes, as súas paisaxes, a súa cultura ou as súas lendas. O público asistente participará tamén dun sorprendente ritual da queimada. Os integrantes desta compañía galega de espectáculos musicais e eventos naceu da fusión do actor Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa.

A entrada ao festival é gratuíta, pero é necesario reservar invitacións por motivos de aforo. As persoas interesadas poderán obter ata un máximo de seis entradas por espectáculo ata o vindeiro xoves 29 de xullo chamando ao teléfono 981 511065 (de luns a venres, entre as 10.00 e as 14.00 horas) ou enviando un correo electrónico a cultura@opino.gal, no que terán que facer constar nome, DNI e número de teléfono.

Todos os asistentes , segundo informan fontes municipais, deberán permanecer sentados, en sillas individuais, que manterán entre elas unha separación de 1,5 metros.

A parte deste evento musical, hai que lembrar que o Concello do Pino desenvolve para os máis cativos e cativas a Escola de Verán e asemade están abertas as instalacións da piscina municipal de Lameiro. A entrada para un día ten un custe de 3,60 euros, non obstante, existen bonos para toda a tempada, e tamén familiares máis económicos. Prezos que son máis reducidos para os empadroados.

19 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.