Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Manuel Ayaso doa dez pinturas para a casa da cultura de Aguiño

O artista anunciou que todas as súas obras serán parte dos fondos do consistorio

Ribeira. O artista ribeirense Manuel Ayaso doou onte dez pinturas que irán destinadas á casa da cultura que leva o seu nome en Aguiño, a súa localidade natal. Nun acto celebrado no salón de plenos do consistorio de Ribeira e diante dunha ampla representación da Corporación municipal, o creador explicou que a colección, formada por acrílicos de diferentes tamaños, posúe unha temática mariñeira e foi realizada ex profeso no mes de setembro para ser legada ao Concello.

Os títulos dos cadros que foron entregados son: Ovo pico araña, San Sebastián, Atador, Cristo mariñeiro, Neno con barco, Zancudo, Pescadora, Virxe, Polbeiro e Pegaso.

Asemade, durante a súa intervención o célebre pintor avanzou que é a súa intención doar tamén á administración local as obras que ten no seu poder, entre 2.000 e 3.000, incluíndo creacións non só da súa man senón tamén de artistas internacionalmente coñecidos como son Durero, Rembrandt ou Chagall.

Pola súa banda, o alcalde ribeirense, Manuel Ruiz , declarou que “a calidade humana e pictórica de Ayaso merecen o recoñecemento deste pleno á hora de buscar unha sede permanente”. Neste sentido, o rexedor sinalou que se están barallando dúas alternativas para tal fin: crear unha sala Manuel Ayaso na futura biblioteca municipal de Ribeira ou ben adquirir e rehabilitar un inmoble situado na contorna da praza de Teruel.

Ademais, outro dos retos que queda pendente para ensalzar a figura e o legado do artista é a concesión “ben dunha Medalla de Galicia ou ben dunha medalla de Castelao, algo que se leva anos intentando”, dixo ao respecto recentemente o rexedor.

homenaxe. En agosto Ayaso recibiu no centro cultural Lustres Rivas unha homenaxe por parte de varios escritores, a modo de recital, nun acto que tamén serviu de clausura á súa exposición Reflexos da Costa da Morte. m. t.

23 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito