Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cas actuacións que financiaron a Xunta e o FEMP con 13 millóns modernizáronse equipamentos e avanzouse en aforro enerxético, trazabilidade e comercialización // Noia ampliou a lonxa de Testal // Nova orde de axudas por 7,4 millóns TEXTO F. R.

Mar apoiou no último lustro 348 proxectos de mellora nos portos

A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, apoiou con máis de 13 millóns de euros entre 2016 e 2021 distintas actuacións nos portos pesqueiros galegos para a modernización e mellora das infraestruturas vencelladas coa súa actividade, así como a subministración de equipamentos e servizos para optimizar a comercialización dos produtos do mar nas lonxas e portos.

En total puxéronse en marcha preto de 348 proxectos que contribuíron a mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro así como a conservación do peixe e do marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

Estes apoios, recollidos nun informe que analizou o Consello da Xunta, enmárcanse na estratexia de mellora constante dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e fondeadoiros da Comunidade.

As achegas permitiron o desenvolvemento de 294 proxectos ó abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que financiou o 75 % dos investimentos, e o Executivo galego o 25 % restante, e 54 realizados integramente con fondos da Xunta.

Estas accións supuxeron un investimento total de máis de 11,7 millóns de euros no caso das cofinanciadas co FEMP e máis de 1,3 millóns nas actuacións desenvolvidas unicamente co financiamento da Administración autonómica.

Moitas destas iniciativas puxéronse en marcha grazas ás convocatorias de axudas que realiza anualmente a Consellería do Mar coa fin de mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, aumentar a eficiencia enerxética, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores.

En canto á tipoloxía das accións desenvolvidas cos fondos europeos, a maior parte (preto de 250) correspondéronse coa subministración de equipamentos e bens para mellorar as instalacións e a súa eficiencia, 34 para a dotación de servizos nas lonxas (fundamentalmente melloras na comercialización a través das distintas canles, así como na emisión de documentos e nas xestións administrativas das lonxas e confrarías) e 14 relacionadas con obras para a modernización ou mellora das súas infraestruturas.

As achegas concedidas nos últimos exercicios para a mellora neste eido permitiron dotar ás confrarías de novos equipamentos, como sistemas de varada de embarcacións, guindastres, casetas desmontables para vestiarios das mariscadoras e mariscadores, colectores e equipamentos de limpeza para as lonxas ou produtores de xeo, entre outros. A maiores, tamén favoreceron actuacións en materia de eficiencia enerxética, como a modernización dos sistemas de iluminación interiores dos edificios, o aforro enerxético das instalacións de frío ou o uso de enerxías renovables mediante a instalación de paneis solares fotovoltaicos.

ESPAZO PARA VISITANTES. O informe analizado polo Consello da Xunta recolle algunhas das actuacións máis importantes realizadas neste eido, como a obra de mellora das condicións hixiénico-sanitarias e de ampliación para a creación dun espazo para visitantes da lonxa de Testal-Noia, cun investimento de preto de 584.000 euros; a mellora das instalacións de frío da lonxa de Cedeira, cun importe de máis de 500.000 euros; a compra dun túnel de lavado de caixas por 165.000 euros para a confraría de Camariñas ou a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de frío da lonxa de Muxía, cun investimento de case 75.000 euros.

CONVOCATORIA. O documento tamén aborda a convocatoria para 2022 de axudas a proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo e da calidade, control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca. A orde, que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia do 31 de xaneiro, ten un orzamento de 7,4 millóns de euros e hai de prazo ata comezos de marzo para solicitar as axudas.

comarcas@elcorreogallego.es

o protagonista
“Habilitouse un espazo para os visitantes”
José Ramón Pais
Vicepatrón maior da confraría de pescadores de Noia

O vicepatrón maior do pósito de Noia explicou que na rula de Testal “tiraron todo por dentro, incluso solo e teitos, e reconstruíuse”. Entre as melloras acometidas destaca que a protexeron “toda con paneis illantes, para facela máis isotérmica, cambiaron as instalacións eléctricas e de auga, mellorouse a iluminación e impermeabilizaron ben os teitos da edificación, que metían auga por todas partes”, indicou José Ramón Pais.

Por outra banda, co apoio da Consellería do Mar tamén se habilitou un espazo para os visitantes. “Fixeron unha especie de balcón acristalado e os visitantes, como está prohibido que entren na lonxa, miran tanto o proceso de clasificación do produto nas máquinas como o berberecho e a ameixa, e conforme funciona a lonxa durante a xornada de pesaxe; tamén ven a subasta”, concluíu Pais.

{ a letra pequena }
Adaptación
Suso Souto

O PROCESO de modernización da extensa cadea que forman todas as actividades vinculadas ao sector do mar require unha planificación dos investimentos necesarios e, en consecuencia, tamén das axudas públicas para apoialos. As convocatorias da Xunta van precisamente nesa liña; son axudas vivas, que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector, o que permitiu que desde 2021 sexan subvencionables novas actuacións en materia de eficiencia enerxética ou as que teñen como obxectivo mellorar a seguridade e as condicións de traballo. Desde o ano pasado tamén se ampliaron os posibles beneficiarios, pois ás confrarías engádense organizacións de produtores de pesca, cooperativas e asociacións profesionais de mariscadores a pé ou de redeiras.

28 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.